XUVENTUDE CREA
A Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da
xuventude galega, convoca anualmente o programa Xuventude Crea, un certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación. Este certame comezou a súa andaina en 2010 coa denominación Xuventude Crea, polo que neste ano 2023 cumpre catorce anos.
Xuventude Crea pretende actuar como estímulo económico para a mocidade, pero ante todo quere ser un trampolín para mostrar as propostas da mocidade galega, un escaparate no que o público poida coñecer a estes novos talentos e ás súas obras nun amplo abano de especialidades, e tamén ofrecerlles a oportunidade de dar a coñecer o que fan, actuar como a canle de divulgación das inquietudes artísticas individuais e colectivas da xuventude galega, e fomentar entre os mozos/as actividades de ocio e tempo libre saudable. As obras e artistas máis recentes de Xuventude Crea poden consultarse no museo web do programa: https://www.museoxuventudecrea.gal/
Vai dirixido aos mozos ou mozas galegos/as ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano de cada convocatoria, agás o establecido na parte específica de cada especialidade.
Enténdese por profesional aquela persoa que mantén unha relación contractual permanente ou ocasional con algunha empresa vinculada á especialidade concreta na que solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dada de alta como autónomo/a nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.
A participación será sempre a título individual, salvo no caso das especialidades de cociña, creación de videoxogos, danza moderna, música, teatro e videocreación (esta última, novidade con respecto a anos anteriores).
A dotación económica dos premios por cada unha das especialidades é:
1º premio: 3.000 euros
2º premio: 1.500 euros
3º premio: 1.000 euros
Un premio especial de 1.000€ para a modalidade de música clásica da especialidade de música.
Aquelas persoas que gañasen o primeiro premio dunha especialidade das convocadas na edición do ano anterior, non poderán participar na mesma especialidade na presente convocatoria.
Ademais dos premios, a convocatoria prevé axudas económicas para as persoas participantes que accedan á fase final de determinadas especialidades e, o que é máis importante, as obras finalistas e premiadas terán a vantaxe de ser obxecto de difusión e promoción de forma que se fará visible o talento e a creatividade das súa persoas autoras.
Por todo o anterior, desde o 2010 ata a presente edición de 2023, neste programa participaron máis de 4.400 mozos e mozas, con 3.254 obras e proxectos creativos. Temos repartido 540 premios, por importe total de 795.500 euros, e 72 mencións de honra.
CONVOCATORIA XUVENTUDE CREA 2023
A convocatoria do programa Xuventude Crea 2023 publícase no Diario Oficial de Galicia o día 1 de setembro coas seguintes principais novidades:
- Na especialidade de música, a obra gañadora do primeiro premio poderá ser proposta para participar en festivais de música de Galicia cos que colabore a Dirección Xeral competente en materia de xuventude así como en eventos de similar natureza.
- Na especialidade de teatro, poderase ofertar ás persoas ou grupos das obras gañadoras a posibilidade de entrar na selección dun programa de formación e mentorizaxe para poñer en marcha unha compañía teatral. Este novo programa contará co apoio do departamento competente en materia de emprendemento e cultura.
- Increméntanse, de 6 a 8, as obras que poden chegar á fase final na especialidade de Danza Moderna; e non se limita o número máximo de integrantes do grupo (ata agora fixado en 5) en Creación de Videoxogos.
O prazo de solicitude estará aberto ata o día 2 de outubro.
Así, as 14 especialidades artísticas que se convocan son as seguintes:
Artes plásticas: Coas modalidades de pintura e escultura. As obras serán orixinais e o tema e as técnicas serán libres.
Arte urbana: As obras serán orixinais, inéditas e, de ter texto, este estará en galego. O tema e a técnica serán libres.
Banda deseñada: As obras serán orixinais e inéditas, de temática libre e con textos en galego. A técnica pode ser calquera, en branco e negro ou en cor. A obra presentarase en formato dixital (A4 ou A3) e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas.
Cociña: As receitas poderán ser individuais ou en parella, admitíndose unha receita por participante (sexa individual ou en parella). Pode tratarse dun prato salgado ou doce, e a base do mesmo deberá contar con denominación de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia.
Creación de videoxogos: As obras poderán ser individuais ou en grupo. Un 25% dos participantes poderá superar os 30 anos de idade. Serán orixinais, inéditas e os textos e o audible en galego, agás a banda sonora, que poderá estar en calquera lingua. A temática será libre. Os videoxogos deberán dispoñer, como mínimo, de versións para Windows ou Mac Os e deberán ser manexables con teclado e rato.
Danza moderna: Coas disciplinas de danza contemporánea, danza urbana, jazz-lírico e danza experimental. De forma individual ou en grupo (mínimo de 2 persoas e máximo de 30). A duración da actuación non pode superar os cinco minutos e a coreografía debe ser inédita.
Deseño de xoias: A colección, que poderá ser tanto para home como para muller, debe ser orixinal e estará composta por 3 xoias. O remate das pezas debe traballarse en metal con pezas de xoiería, excluíndo a utilización de fornituras compradas.
Fotografía: As obras serán orixinais, o tema e as técnicas serán libres. Unha ou varias fotografías, ata un máximo de 6, en cor ou branco e negro. As obras orixinais serán requiridas ás persoas participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición final ou se a comisión de selección o estima necesario.
Moda: As coleccións deben ser orixinais e coherentes, con 5 modelos de home ou muller. Será necesario definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas.
Música: Solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea, así como solistas e grupos de música clásica que serán os que poidan optar, ademais, ao premio especial de 1.000 euros. Admitirase que ata un 25% das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos.
Novela curta: A obra será orixinal, inédita e en galego. O tema será libre. A ordenador, en tamaño 12, tipografía arial e a dobre espazo. Terá unha extensión mínima de 80 páxinas e máxima de 200 e as follas estarán numeradas.
Poesía: A obra será orixinal, inédita e en galego. O tema e a técnica serán libres. A obra realizarase a ordenador, en tamaño 12 e a dobre espazo. Terá unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100 e as follas estarán numeradas.
Teatro: Persoas individualmente ou grupos teatrais, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2023. Admitirase que ata un 25% das persoas compoñentes do grupo superen os 30 anos ou teñan entre 14 e 16. As representacións serán en lingua galega, maila que as obras poderán ser de autoría galega, española ou estranxeira. Poderanse presentar obras orixinais. A duración da representación de cada obra será de mínimo 30 minutos e máximo 1 hora e media.
Videocreación: As obras serán orixinais, inéditas e en galego. O tema será libre, mais deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental (é dicir, que se sitúa fóra dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade). A duración de cada obra será dun mínimo de 2 minutos e dun máximo de 8 minutos e a súa realización das obras debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2023.
MÁIS INFORMACIÓN:
981 541 689 / 981 545 702
xuventudecrea.cps@xunta.gal
Histórico de Premios
Máis información e consultas:
Teléfono: 981 544 645 e 981 544 854 , e-mail: xuventude@xunta.es