Programa Avais para a mocidade para a compra de vivenda

13 Feb 2024

O programa de avais para a mocidade ten por obxecto prestar unha cobertura temporal e financeira, de carácter persoal, para a adquisición da primeira vivenda por aquelas persoas que na data de presentar a correspondente solicitude teñan menos de 36 anos.

Requisitos para poder ser persoa beneficiaria do programa:

a) Que a persoa solicitante, que deberá ser quen vaia a adquirir a vivenda, posúa a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea. En caso de persoas estranxeiras provenientes de países terceiros, estes deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España. No suposto de que a vivenda se adquira por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.

b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e teña menos de 36 anos. No suposto de que a vivenda se adquira por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.

c) Que a persoa solicitante estea empadroada en Galicia. No suposto de que a vivenda se adquira por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.

d) Que a persoa solicitante dispoña duns ingresos mínimos de 2 veces o IPREM e uns ingresos máximos de 5,5 veces o IPREM. A devandita porcentaxe máxima será do 6,5 veces o IPREM, se a vivenda se adquira por máis dunha persoa.

Así mesmo, para a obtención do aval é preciso que concorran os seguintes requisitos:

a) Que a vivenda para que se outorga a garantía estea situada en Galicia e vaia a ser destinada a ser a residencia habitual e permanente da/s persoa/s adquirente/s durante, cando menos, todo o período en que estea vixente a garantía.

b) Que o prezo de adquisición da vivenda, sen os gastos e tributos inherentes á adquisición, non supere os prezos de adquisición, segundo as zonas territoriais onde se localice a vivenda:

– Concellos correspondentes ao ámbito territorial de prezo máximo superior: 240.000 euros.
– Concellos correspondentes á zona territorial 1: 180.000 euros.
– Concellos correspondentes á zona territorial 2: 130.000 euros.

Zonas territoriais
– Concellos correspondentes ao ámbito territorial de prezo máximo superior: comprende os concellos de A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra.
– Concellos correspondentes á zona territorial 1:
Na provincia da Coruña: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo.
Na provincia de Lugo: Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.
Na provincia de Ourense: Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.
Na provincia de Pontevedra: A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
– Concellos correspondentes á zona territorial 2: resto de municipios da Comunidade Autónoma

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 1 de marzo de 2024 e rematará o 30 de outubro de 2024 e, en todo caso, no momento do esgotamento do importe máximo de avais a conceder no ano 2024, que se fixa en cinco millóns de euros. As solicitudes teramitaranse na sede electrónica da Xunta co procedementeo VI402B

Máis información no DOG do 13 de febreiro de 2024 e en https://igvs.xunta.gal/o-igvs/directorio