Bolsas no estranxeiro para estudantes de fotografía das escolas de arte e superiores de deseño

07 Mai 2024

A Xunta de Galicia apoia a formación do alumnado de fotografía das escolas de arte e superior de deseño de Galicia con estadías de formación no estranxeiro para que completen os seus estudos.

Estas bolsas están dirixidas a estudantes que finalizaran o segundo curso do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía nalgunha das catro escolas de Galicia.

Esta convocatoria, que se realiza en colaboración coa Fundación MOP, outorgará catro bolsas de estudo -unha por cada escola- na Fundación Sozzani de Milán, incluíndo viaxe, aloxamento, programa educativo e manutención entre setembro e decembro deste ano.

As persoas seleccionadas desenvolverán un proxecto fotográfico baixo a supervisión de titores, tendo posibilidade de acceder a clases maxistrais con fotógrafos relevantes, participar en eventos e actividades da propia fundación, así como asistir ao festival PhotoVoque.

Así mesmo, os bolseiros realizarán unha viaxe académica e cultural a cidades como París ou Roma, desenvolvendo actividades en colaboración con escolas de arte, imaxe e fotografía francesas e italianas.

Os estudantes que queiran optar a estas bolsas poden consultar as bases no Portal Educativo e solicitalas no prazo do 1 ao 22 de xullo.

Para poder acceder a elas, deben estar matriculados este curso 2023/24 no segundo curso do ciclo de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía nalgunha das catro escolas de arte galegas -Pablo Picasso da Coruña, Mestre Mateo de Santiago, Antonio Failde de Ourense e Ramón Falcón de Lugo- e ter superado integramente o primeiro e o segundo curso.

Ademais, teñen que aportar certificación dun nivel de competencia lingüística B2 ou superior en lingua inglesa e o currículum vítae acompañado de documentación gráfica relativa a un proxecto de fotografía.

Máis información:  https://www.edu.xunta.gal/portal/node/42852