Lingua de namorar 2023

27 Feb 2023

Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos.

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e máis pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente na Internet e na mensaxería instantánea.

Para participar no concurso nas categorías A (de 14 a 19 anos) e B (de 20 a 35 anos) só cómpre cubrir e enviar este formulario. As mensaxes que participen nestas dúas modalidades publicaranse na páxina do concurso:

http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar

Para participar na nova categoría C (exclusiva para Instagram) cómpre ser seguidor/a de @xuventudegalicia e de @linguagalega.

As mensaxes publicaranse directamente na imaxe habilitada para o concurso #LinguaDeNamorar no perfil @xuventudegalicia. No texto indicarase en primeiro lugar un cancelo que recolla o título e despois a mensaxe. Ao final da publicación engadirase o cancelo #LinguaDeNamorar. Etiquetaranse tamén dúas amizades de IG.

Características das mensaxes

Cada participante poderá enviar ata dúas mensaxes, cunha extensión máxima de 350 caracteres no caso das categorías A e B e 200 caracteres na categoría C (de Instagram), incluídos os espazos en branco.

Categorías de idade e premios

Establécense tres premios por cada unha das categorías de idade A e B:

- 1º Tableta 10' Samsung A8
- 2º Libro electrónico Kindle
- 3º Cascos sen fíos JBL

Establécese un premio para a categoría C:

- 1º Tableta 10' Samsung A8

Prazos de participación e votación

O prazo para enviar as mensaxes remata o venres 17 de marzo.

Do 20 ao 26 de marzo abrirase o período de votación. As persoas que desexen votar polas súas mensaxes favoritas nas categorías A e B deberán cubrir o formulario que se habilitará para o efecto na páxina do concurso.

No caso da nova categoría C a mensaxe gañadora seleccionarase en dúas fases:

1. O xurado do concurso fará unha preselección de 6 mensaxes de entre todas as presentadas en prazo e que respecten o indicado nestas bases.

2. O 10 de abril daranse a coñecer as 6 mensaxes preseleccionadas polo xurado, que concorrerán á votación final do público do 11 ao 16 de abril. Rematado o prazo de votación computaranse os gústame que reciba cada mensaxe e gañará aquela que acade un maior número de gústame por parte do público. No caso de que exista empate entre dúas ou máis mensaxes prevalecerán no cómputo o número de gústame dados por parte de seguidores/as de @xuventudegalicia e @linguagalega. A organización reserva para si o dereito de establecer calquera outro procedemento de desempate.

Resolución do concurso

A listaxe cos nomes das persoas gañadoras e finalistas nas tres categorías publicarase o 21 de abril. Tanto as mensaxes gañadoras como finalistas daranse a coñecer publicamente en http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e nos IG @XuventudeGalicia e @LinguaGalega.

Entrega de premios

A data da entrega de premios publicarase nesta páxina web con antelación suficiente á súa realización.

 

MENSAXES GAÑADORAS DE LINGUA DE NAMORAR 2023

O xurado do concurso Lingua de namorar 2023 reuniuse o pasado 31 de marzo para elixir as mensaxes gañadoras das categorías A e B, de entre aquelas mensaxes que resultaron máis votadas polo público. Son as seguintes:


Mensaxes gañadoras da categoría A

1º premio

Alba Guzmán Falcón (Ourense)

Chover ten que chover

Chove. Corre por debaixo nosa un reghato de auga. No baño hai pingueiras facendo percusión contra a porcelana.

Namora pensar que o mundo non para se nos deixamos de querer.

2º premio

Santiago Sánchez Villarino (A Coruña)

Distancia

Alén do mar

alén dos meus ollos
alén dos meus soños,
ti.
Preto do mar,
preto dos teus ollos,
preto dos teus soños,
eu.

3º premio

Carla López Otero (Pantón, Lugo)

Translúcidas chinas

Cólleme da man e imos capar o río. Tres pedriñas afundirán, eu fundireime contigo, e as chinas viaxarán río abaixo ata dar cun inmenso mar de lágrimas de felicidade, e quedarán pulidas, e romperán en anacos, e volverán fusionarse, e cambiarán de cor cos anos... Eu quixera amarte coa mesma forza coa que os tres nimios obxectos cabalgaron a vida.

Mensaxes gañadoras da categoría B

1º premio

Eva González Blanco (Lalín, Pontevedra)

Áncora

Tentei escribir a melodía perfecta pero decateime de que a túa voz non ten partitura. Que ningunha batuta poderá escribir no aire notas agudas e graves de alegrías, doce alegoría do teu sorriso non mudo. Mais cando recito, os versos debuxan engurras na túa cara, avivecendo a poesía, ao tempo que os teus beizos me ancoran á beira do abismo.

2º premio

Clara Pérez Martínez (A Bola, Ourense)

Morriñada

O petricor salpícame a memoria esquecida

nunha inducida ataraxia en tons verdes
que me tingue as arterias ritmicamente,
acompasada coa efervescencia das ondas
mentres o nordés me zoa melifluo
a balada máis romántica en segredo,

a soas coa terra matria

e fico prendida eterna.

3º premio

Andrea López Otero (Pantón, Lugo)

Entre as cinzas

saboreo

 doce
o caos

da túa lingoa
 coa miña,

              incendiada,

 nun lume
que se aviva
      feroz

  silencioso
e asulagador
  entre a pel,

              ameazante

coa destrución.

O xurado de Lingua de namorar 2023 preseleccionou, na súa xuntanza do 31 de marzo, seis mensaxes participantes na categoría C do concurso, mensaxes que pasaron á fase de votación pública en IG, da que resultou gañadora ao recibir o maior número de "gústame" a seguinte:

Iria Cebreiros Trigo (Ourense)

@iriiaa_8

#Aartedoboquerer

Caerei de novo na tentación da lingua das miradas, movementos e sorrisos cómplices. Hipnotizada pola sonoridade da túa melodía. Alentada pola túa harmonía. Sempre dependente do teu efémero respirar. #LinguaDeNamorar.

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.

 


basesvota mensaxes


categoriaA categoriaB BotonC 2