Cursos da DXXV (5)

A Consellería de Política Social e Xuventude organiza, dentro do Plan de formación de Xuventude e Voluntariado 2022, a segunda edición do curso “Condución sostible, eficiente e segura”, dirixido a mozas e mozos de 16 a 35 anos, cuxo obxectivo principal é formar sobre a mobilidade nos vehículos de uso persoal neses tres ámbitos: sostibilidade, eficiencia e seguridade.

 

Nesta formación que terá lugar o vindeiro 14 de xaneiro, de 9 a 15 horas, na Escola de condución e transportes de Galicia (Teixeiro, A Coruña), o alumnado recibirá unhas nocións teóricas básicas sobre consumo enerxético eficiente, sobre as diferenzas entre motores de combustión e os eléctricos, así como sobre a condución autónoma e os seus sistemas de seguridade. Ademais, mediante o método de simulacións, terán a oportunidade de aprender técnicas de condución ante situacións de emerxencia.

 

Nas catro horas de parte práctica do curso, o alumnado realizará unha serie de manobras en pista que lle axudarán a entender de forma eficiente e segura o mellor uso dos vehículos con motor térmico, híbrido ou eléctrico.

 

Máis información e inscrición: https://formacion.voluntariadogalego.org/

A Consellería de Política Social e Xuventude organiza o curso “Procura de emprego”, dirixido a mozas e mozos de 16 a 35 anos, que ten como obxectivo principal dotar a mocidade galega dos coñecementos necesarios para optar a un posto de traballo.

Nesta formación que se impartirá do 7 ao 18 de novembro no Museo do Mar de Vigo, comezarase analizando conceptos básicos do mundo laboral (nóminas, acordos ou convenios), os diferentes tipos de contrato e os dereitos e deberes laborais. Posteriormente, realizarase unha análise DAFO individual aplicada á busca de emprego eprofundarase no autocoñecemento e nas habilidades sociais aplicadas ao mundo laboral.

As novas tecnoloxías tamén estarán presentes á hora de elaborar o currículo e actualizar as redes sociais aplicadas ao ámbito laboral, así como na procura de emprego activa na rede.

Finalmente, o alumnado fornecerase de ferramentas para levar a cabo unha entrevista de traballo óptima, ferramentas que poderá poñer en práctica con diferentes tipos de probas e dinámicas grupais.

Máis información e inscrición: https://formacion.voluntariadogalego.org/enrol/index.php?id=113

A Consellería de Política Social e Xuventude a través dos centros Quérote+ oferta para o curso 2022-2023 unha serie de obradoiros para a mocidade dirixidos a centros educativos, concellos e asociacións.

A oferta formativa para centros educativos está dirixida para o alumnado de 3º ESO, FP básica, e familias.

Os obradoiros incluidos na oferta son:

3º ESO
Sexualidade.
Imaxe corporal e autoestima.
Convivencia e relacións sociais.
Uso seguro e responsable das contornas virtuais.
Prevención do consumo de drogas e adicións sen substancias.

FP BÁSICA
Sexualidade
Imaxe corporal e autoestima

FAMILIAS
Redes familaires: Educación emocional e sexual na familia.

CONCELLOS E ASOCIACIÓNS
Falando da sexualidade: Obradoiro sobre educación sexual para adolescentes
Re Conecta: Obradoiro sobre a xestión do mundo virtual e a adición sen substancias
Divers@s: Obradoiro da diversidade afectivo-sexual
O coidado dos vínculos afectivos: Obradoiro sobre a xestión de parella e vínculos sentimentais
Cultivando a autoestima: Obradoiro para o crecemento persoal e reforzamento do autoconcepto
Redes familaires: Educación emocional e sexual na familia

Máis información e solicitude en Quérote+: http://xuventude.xunta.es/querote-mais

Tras un breve parón estival, retómanse en setembro os cursos do Plan de Formación de Xuventude e Voluntariado 2022, posto en marcha pola Consellería de Política Social e Xuventude. O plan de formación está conformado por cursos dirixidos a persoal técnico de xuventude e profesionais do tempo libre, así como á mocidade en xeral con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, e a persoal técnico das entidades de acción voluntaria e persoas voluntarias.

Trátase dun amplo abano de cursos con temáticas diversas que teñen como finalidade cubrir as necesidades e dar resposta ás inquietudes da nosa mocidade e dos membros das entidades de acción voluntaria. Nestes momentos a inscrición permanece aberta para algúns cursos con prazas dispoñibles, como é o caso de “Da idea ao proxecto. Desenvolvemento da idea”, no que se aprenderá a desenvolver unha idea de negocio dende a base; ou tamén o curso “Adestramento en eSports. Como aproveitar os deportes electrónicos no eido do lecer e tempo libre”, no que á parte de valorar os posibles beneficios destas novas ferramentas para os teléfonos móbiles e computadores, tamén se analizará o papel da industria do eSports na sociedade actual.

Xa no ámbito da acción voluntaria destacamos o curso "Voluntariado interxeracional, posta en valor da experiencia vital dende a perspectiva de xénero", do que se realizan catro edicións presenciais e unha en liña (matrícula aberta para a edición de Lugo).

Podes consultar a información de todos os cursos, a dispoñibilidade de prazas e os lugares e horarios de realización na plataforma de teleformación de voluntariadogalego.org

A Xunta de Galicia pon en marcha un Plan de formación de Xuventude e Voluntariado que chegará a máis de 2400 persoas de toda a comunidade.
Esta iniciativa inclue un total de 37 cursos presenciais e 20 en liña orientados á formación básica e en ámbitos específicos da acción voluntaria, que permitirán complementar o currículo dos técnicos de xuventude e profesionais do tempo libre, así como ofrecer alternativas formativas á mocidade en xeral desde o eido da educación non formal.
A ampla oferta formativa ofrece contidos en temas de actualidade e de interese para a mocidade como as habilidades para a empregabilidade e o liderado, recursos para o emprendemento no rural, educación emocional, a dixitalización, recursos para un ocio inclusivo, formación en actividades náuticas, eSports, deseño 3D, robótica, temas audiovisuais, condución segura, etc.
No ámbito da acción voluntaria, tamén se ofrece formación específica nas seguintes áreas: ambiental, interxeracional, educación, igualdade, acción social, linguaxe LSE, emerxencias e nocións sobre a correcta solicitude e presentación das subvencións de voluntariado.
O prazo de inscrición ábrese hoxe, día 11 de abril de 2022, a partir das 10.00 horas e permanecerá aberto ata cubrir as prazas ofertadas en cada un dos cursos.

Máis información