BANNERWEB

Acción de Verán

A Xunta de Galicia ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc. Para iso, cada ano preséntase a Campaña de Verán, unha iniciativa ambiciosa que non só é unha actividade de ocio para os mozos e mozas galegos, senón que tamén é un recurso de conciliación da vida familiar e laboral.

Baixo o lema O verán que sempre vas lembrar, a Campaña de Verán de 2023 da Xunta de Galicia oferta, durante os meses de xullo, agosto e setembro, as seguintes accións:

  • Campamentos en Galicia.

  • Campos de voluntariado en Galicia, noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.

  • Programas de intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas.

  • Programa “Conecta con Galicia” para a mocidade galega do exterior.

  • Minicampamentos “Coñece Galicia”, de 5 días de duración.

  • Uso de instalacións xuvenís por parte de entidades.

Serán, en total, 11.238 prazas, o que supón a maior oferta da historia destas actividades de verán programadas polo Goberno galego.

En aplicación do principio de transversalidade das políticas en materia de discapacidade e co obxectivo de que a inclusión social sexa unha realidade ao tempo que se favorece a interacción e a convivencia entre toda a mocidade, as mozas e mozos galegos con discapacidade poden decidir sobre a modalidade de participación á que desexan optar: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas de inclusión. Cómpre lembrar que tamén existe a posibilidade de optar pola convocatoria de campamentos específicos para persoas con discapacidade.

 

 

ÁREAS DE PARTICIPACION

 

1. CAMPAMENTOS

Son unha forma diferente e divertida de pasar as vacacións estivais.

As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diversas quendas de entre oito e doce días de duración (quince días no intercambio en Cantabria) durante os meses de xullo, agosto e setembro.

Pódese escoller o campamento que se queira en función da idade e das actividades que se leven a cabo nel: actividades diversas que van desde a náutica, deportiva, ambiental, artística, patrimonial vinculada ao o Camiño de Santiago, científica, agrícola, etc.

A publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia está prevista para o día 17 de abril

Prazo de presentación de solicitudes: desde o 18 de abril ata o 2 de maio

Forma de presentación das solicitudes:

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia:sede.xunta.gal

Os formularios de solicitude estarán dispoñibles na sede electrónica o día de apertura do prazo de presentación.

Códigos dos procedementos para o buscador da Sede (segundo o tipo de solictude):

ANEXO II -Solicitude individual. Procedemento xeral: CÓDIGO BS303A

ANEXO III- Solicitude múltiple. Procedemento xeral: CÓDIGO BS303F

ANEXO IV-Solicitude individual. Procedemento de prazas reservadas para inclusión: CÓDIGO BS303G

ANEXO V- Solicitude múltiple. Procedemento de prazas reservadas para inlcuisión: CÓDIGO BS303H

 

Consulta aquí toda a información dos campamentos, tanto dos que se programan en Galicia como das opcións para galegos/as noutras comunidades autónomas.

 

Máis información:

 

Actividade financiada polo Ministerio de Igualdade, Secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, no marco do Plan Corresponsables.

 

Teléfonos de información

 

DATA DO SORTEO: Conforme ao artigo 6 da orde de convocatoria, o día e hora e lugar de realización do sorteo anunciarase neste espazo.

 

2. CAMPOS DE VOLUNTARIADO

A Xunta de Galicia oferta no verán deste 2023 un total de 730 prazas en 46 campos de voluntariado (incluíndo as cinco quendas nas Illas Cíes) que se desenvolverán por todo o territorio galego, prazas que se suman ás ofertadas en campos noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.

Neste programa, que se enmarca dentro da Campaña de Verán da Xunta de Galicia, poden participar as persoas mozas residentes en Galicia de 18 a 30 anos.

É necesario ter os 18 anos ao inicio do campo de voluntariado e non cumprir os 31 antes do seu remate.

Os campos de voluntariado son actividades realizadas en colaboración con concellos e entidades, e encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna, a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países, baixo o patrocinio, control ou organización de entidades e organismos oficiais, asociacións xuvenís, culturais, humanitarias etc.

A oferta de campos de voluntariado está composta por:

  • Campos de voluntariado en Galicia (Abrirase o prazo o dia 18 de abril).
  • Campos de voluntariado noutras CCAA (Publicarase proximamente).
  • Campos de voluntariado no estranxeiro (CONVOCATORIA ABERTA).

Máis información:

 

2.1. Campos de voluntariado en Galicia

Apertura do prazo de solicitude: día 18 de abril, ás 9:00 h. A convocatoria é única e estará aberta ata 3 días antes do comezo de cada campo.

Cada persoa solicitante elixirá, por orde de prioridade, un máximo de tres campos de voluntariado. Na solicitude deberá indentificar o campo que solicita co seu código respectivo. As prazas serán adxudicadas, mentres existan vacantes, por rigorosa orde de recepción das solicitudes.

Unha persoa non poderá ser adxudicataria de máis dun campo de voluntariado durante os 3 primeiros días do prazo de solicitude. Unha vez transcorrido este prazo, a persoa que queira participar en máis dun campo deberá solicitalo mediante un novo formulario.

A solicitude presentarase en liña, no enlace que se habilitará o día de apertura do prazo nesta páxina web.

Oferta de campos en Galicia

2.2. Campos de voluntariado noutras CCAA

A información sobre a oferta para mozos e mozas galegos en campos doutras comunidades autónomas estará dispoñible en breve, pero de seguido avanzamos como será o proceso de inscrición:

1ª Convocatoria

O prazo desta convocatoria abre o día 2 de maio, ás 9:00 h. e pecha o día 23 de maio, ás 14:00 h.

Unha persoa non poderá ser adxudicataria de máis dun campo de voluntariado nesta convocatoria. Para participar nun segundo campo de voluntariado, haberá que esperar á segunda convocatoria.

A solicitude presentarase en liña, no enlace que se habilitará o día de apertura do prazo na páxina web xuventude.xunta.es.

2ª Convocatoria

Unha vez pechada a 1ª convocatoria o programa prevé, para os campos noutras CCAA, unha nova oferta xeneralizada de prazas en 2ª convocatoria ou repesca. Os campos con prazas libres poderán ser os mesmos que os ofertados inicialmente ou novos.

O prazo para solicitar en 2ª convocatoria as prazas para os campos noutras CCAA comezará o 1 de xuño ás 10:00h. Este prazo permanecerá aberto ata 5 días antes do inicio do campo.

O procedemento de solicitude será o mesmo que o establecido para a 1ª convocatoria, en liña, no enlace dispoñible na páxina web xuventude.xunta.es. As persoas interesadas poderán consultar a oferta para esta 2ª convocatoria na web xuventude.xunta.es, no apartado de REPESCA de campos noutras CCAA, onde se irán actualizando as listas de prazas e campos de voluntariado dispoñibles.

2.3. Campos de voluntariado no estranxeiro

O prazo de inscrición para os campos de voluntariado no estranxeiro abriuse o día 13 de marzo, ás 9:00 h, e manterase aberto ata esgotar as prazas.

As prazas serán adxudicadas, mentres existan vacantes, por rigorosa orde de recepción das solicitudes.

exclamacion

Existen algúns campos de voluntariado que, pola súa temática, acceso, localización, aloxamento ou calquera outra peculiaridade especial, teñen un custo adicional ou cota extra que a persoa voluntaria deberá satisfacer a organización estranxeira, salvo indicación contraria, Á CHEGADA AO CAMPO. Esta cota extra que aplican discrecionalmente algunhas organizacións estranxeiras, especifícase na ficha informativa de cada campo de voluntariado.

 

 

ollo

Antes de facer a túa solicitude, consulta aqui aCONDICIÓNS de participación nos campos de voluntariado no estranxeiro.

  

Como solicitar:

A través deste enlace poderás consultar e solicitar os campos de voluntariado no estranxeiro ata un máximo de 3 opcións por orde de prioridade. 

 

Adxudicación:

exclamacion

Unha vez adxudicada a praza recibirás un correo electrónico coa documentación que debes cubrir e asinar, xunto coas instrucións para o pagamento da cota e para presentar a documentación.

O prazo para presentar esta documentación é de 2 días hábiles desde o envío do correo electrónico de adxudicación da praza.

Debes dirixir toda a documentación a: camposdetraballo.xuventude@xunta.gal 

Unha vez recibida confirmaremos por correo electrónico a súa recepción e polo tanto a finalización do proceso de inscrición.

A partir deste momento poderás considerarte correctamente inscrito/a.

RECOMENDAMOS esperar a recibir este correo electrónico antes de xestionar a compra das pasaxes necesarias para chegar ao punto de encontro.

Se xurdira un imprevisto que che impida participar no campo de voluntariado debes comunicar a renuncia o máis axiña posible para liberar a praza e facilitar así a participación doutra persoa voluntaria. Correo-e: camposdetraballo.xuventude@xunta.gal

 

3. MINICAMPAMENTOS "COÑECE GALICIA"

Trátase dunha iniciativa lúdico-formativa que se desenvolve en aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega en estancias de cinco días, de luns a venres, e que sirve tanto para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.

A información deste programa estará dispoñible nas vindeiras semanas.

 

4. CESIÓN DE USO DE INSTACIÓNS XUVENÍS DA CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE OCIO EDUCATIVO E DE TEMPO LIBRE (Só para entidades ou grupos asociados)

A Consellería de Política Social e Xuventude é consciente de que as asociacións xuvenís e as entidades que realizan actividades para a xuventude non sempre dispoñen dos medios e instalacións axeitadas para a execución do seu traballo. En consecuencia, co obxecto de facilitar á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de programas de lecer e tempo libre, sen ánimo de lucro, regula a través desta orde, o réxime de utilización das súas instalacións xuvenís durante a campaña de verán 2023

Mediante esta convocatoria, a Consellería de Política Social e Xuventude oferta o uso de instalacións xuvenís durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 10 de setembro.

Prazo de presentación de solicitudes: sete (7) días hábiles desde o día seguinte ao da publicación no Diario oficial de Galicia.

Forma de presentación das solicitudes:

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

O formulario de solicitude estará dispoñible na sede electrónica o día de apertura do prazo de presentación.

Código do procedemento para o buscador da Sede: BS304A

Información xeral