Universidade de Verán USC 24

15 Mai 2024

Universidade de Verán USC 24

A Universidade de Verán da USC convocará nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro un amplo catálogo de cursos que se desenvolverán en Compostela, Lugo e diversas vilas galegas.

Dende este mércores 15, xa é posible matricularse en cada unha das 41 actividades ofertadas.

O prazo permanecerá aberto ata dez días antes do comezo de cada curso.

A oferta dos 24 que se desenvolverán en Santiago de Compostela e os 4 de Lugo amplíase este verán con cursos na Coruña, Ares, Guitiriz, Lalín, Mondoñedo, Monforte, Noia, Oia, Ribeira, San Martiño de Meis, Seoane do Courel, Vilar de Santos e un máis compartido entre Lugo, San Cibrao e San Xoán de Tor.

Así, en Compostela organizaranse cursos sobre vida saudable, goberno dixital e inclusión social, desenvolvemento de enerxías renovables e transición enerxética, bioloxía e biotecnoloxía, manipulación informativa, as mulleres con poder da Idade Media, o mindfulness, as XV Leccións Xacobeas Internacionais da USC; dereito e música, xustiza climática e infancia, reimaxinar os territorios urbanos, Humanidades dixitais, o XII Curso de Divulgación da Química, creatividade e Camiño de Santiago, simulación clínica en situacións de urxencia, LaTeX, novas tendencias en medicina, unha proposta de iniciación ao audiovisual, a prestación de servizos sanitarios, matemáticas húngaras, os libros ilustrados de non ficción, bioimpresión en 3D, análise de datos con R e arquivos e museos.

No Campus de Lugo terán lugar propostas sobre o envellecemento na diversidade, a protección e o maltrato animal, a valoración nutricional e a abordaxe personalizada do deportista de alto rendemento e a prevención do risco cardiovascular.

A programación de verán da USC complétase con cursos sobre a inclusión das mulleres migrantes, na Coruña; o patrimonio inmaterial, en Ares; o cambio climático, en Guitiriz; a XIX edición do curso Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0, en Lalín; museos e educación, en Lugo, San Cibrao e San Xoán de Tor; a ficción fantástica, en Monforte; Álvaro Cunqueiro, en Mondoñedo; a fotografía documental, en Noia; oncoloxía integrativa, en Oia; a lingua galega no século XXI, en Ribeira; os viños galegos, en San Martiño de Meis; a biodiversiadde, en Seoane do Courel, e o sabugueiro, en Vilar de Santos.


Máis información:
www.usc.gal