En portada (1170)

O xurado do concurso Lingua de namorar 2024 reuniuse o pasado 11 de abril para elixir as mensaxes gañadoras das categorías A e B, de entre aquelas mensaxes que resultaron máis votadas polo  público.

Son as seguintes:

 

MENSAXES GAÑADORAS DA CATEGORÍA A

 

Mensaxe gañadora do 1º premio da categoría A

Abril Viqueira Pose (Ordes, A Coruña)

Reflexos

Que son aos teus ollos?
Chispas de inverno
Folerpas de verán.
Que fun para ti?
Murmurios do vento
Silencio do mar.

 

Mensaxe gañadora do 2º premio da categoría A

Luna García Guimeráns (Baiona, Pontevedra)

Amor nos teus

Azul,
no ceo cheo de paxaros que voan sen rumbo.
Azul,
nas ondas revoltosas.
Azul,
nas orquídeas que brotan e tornan todo fermoso.
Azul,
nos teus ollos.
Onde podería perderme e bailarte con cada mirada.

 

Mensaxe gañadora do 3º premio da categoría A

Alejandro Alonso Lago (Vigo, Pontevedra)

Razón e emoción

Quizais, a maior traxedia de todas ocorre cando se cruza unha mente racional cunha alma emocional.
Cando penso en ti sinto que a miña alma quere romper as reixas da súa cela con ímpeto, ser libre e
amarte incondicionalmente. Porque eu no fondo sei que ti contradís a parte racional do meu ser.

 

MENSAXES GAÑADORAS DA CATEGORÍA B

 

Mensaxe gañadora do 1º premio da categoría B

Elvira Nercellas Rodríguez (Lalín, Pontevedra)

Auga do corazón

Abrente na pel
e verso libre nos teus beizos
sabor de lúa.

Somos melodía
nunha amálgama de corpos
cores núas.

Envoltos en sopro de vapor
fuximos pola fiestra coa mirada
ronsel na rúa.

Roxe o corazón ó vento
ceo sangue dourado
amor que múa.

O cosmos arredor de nós
nós sobre o cosmos
eu beira túa.

 

Mensaxe gañadora do 2º premio da categoría B

Andrea López Otero (Pantón, Lugo)

B612 só ida

Esta vez,
coma unha molécula de gas eclosionando efímera
no medio do marabilloso e extraordinario caos
asimétricos e imperfectos
voamos en segredo
ata Plutón
para ser eternos
nesa nova forma natural e metafísica
que un día
cando aínda non existían os días
se nos concedeu,
            entre o morrer e o renacer do máis alá,
amarnos para sempre.

 

Mensaxe gañadora do 3º premio da categoría B

Clara Pérez Martínez (A Bola, Ourense)

A tonalidade dos vínculos

Hai persoas que transcorren
gravando pegadas cromáticas
no apego.

Base marela acastañada
impregnada coas túas habilidades
ao óleo.
Dun trazo delicado
suave
coma un suspiro,
o brillo ambarino
dese sorriso impresionista
xa penetrara
as miñas carnes de boceto.
A pel agarda
entre loción e cóxega de pincel
que tornes tatuarme as ansias.

 

MENSAXE GAÑADORA DA CATEGORÍA C

 

O xurado de Lingua de namorar 2024 preseleccionou, na súa xuntanza do 11 de abril, seis mensaxes participantes na categoría C do concurso, mensaxes que pasaron á fase de votación pública en IG, da que resultou gañadora ao recibir o maior número de "gústame" a seguinte:

 

Blanca Domínguez Groba (Ponteareas, Pontevedra)

@blanguez_27

#amiñaterra

E foi aí, nese preciso lugar, onde comprendín que me estaba a namorar. Por primeira vez vin esa beleza da que nunca antes me percatara, e apreciei de verdade o que me rodeba. #LinguaDeNamorar.

 

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en marcha unha nova edición do programa ‘Día da Xuventude’, que achegará á mocidade diversas actividades formativas e de ocio saudable e alternativo por un total de 30 concellos de toda Galicia.

Tras o éxito de 2023, no que participaron máis de 4.300 mozos e mozas neste programa, apóstase de novo por ofrecer unha ampla programación formativa e de ocio destinada tanto á mocidade galega como ás propias familias, dado que esta iniciativa tamén favorece a conciliación da vida familiar e laboral. Este programa da Xunta de Galicia, que conta co financiamento do Ministerio de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables, arrancará a fin de semana do 26 e 27 de abril e rematará na primeira semana de xullo.

As actividades son diversas e buscan a participación activa da mocidade de cada concello.

Deste xeito ofreceranse obradoiros de:

  • Gastronomía saudable
  • Habilidades para a empregabilidade
  • Sensibilización medioambiental
  • Igualdade de xénero
  • Arte urbana
  • Actividades de lecer educativo como fútbol burbulla, futbolín humano, tiro con arco, lego e escape box.
  • E actuación actuación musical dalgún artista local ao finalizar a xornada.

As datas que xa están confirmadas son as seguintes:

Abril

RIBADAVIA: venres, 26 de abril, de 16 a 21 horas, na Picuxa. Actuacións de Abelo Valis Dj Set e de Nerea e Leonel.
A ESTRADA: sábado, 27 de abril, de 16 a 21 horas, na Praza do Concello. Actuación de Supermirafiori.

Maio

OIA: mércores, 1 de maio, de 16 a 21 horas, no patio exterior do CEIP Manuel Mestre García.
SANXENXO: sábado, 4 de maio, de 16 a 21 horas, na Rúa Rial (Skatepark). Actuación de Brko e Erre.
PORTO DO SON: venres, 10 de maio.
CASTRO DE REI: sábado, 11 de maio.
MOS: xoves, 16 de maio.
CULLEREDO: sábado, 18 de maio.
ARTEIXO: venres, 24 de maio.
VIVEIRO: sábado, 25 de maio.
CHANTADA: venres, 31 de maio.

Xuño

CANGAS: sábado, 1 de xuño.
TEO: venres, 7 de xuño.
O PEREIRO DE AGUIAR: sábado, 8 de xuño.
A LARACHA: venres, 14 de xuño.
PONTEAREAS: sábado, 15 de xuño.
CERDEDO-COTOBADE: venres, 21 de xuño.
ORTIGUEIRA: martes, 25 de xuño.
SAN CIBRAO DAS VIÑAS: mércores, 26 xuño.
XINZO DE LIMIA: venres, 28 de xuño.
RIBADEO: sábado, 29 de xuño.

Xullo

VEDRA: martes, día 2 de xullo.
POIO: mércores, día 3 de xullo.
BAÑOS DE MOLGAS: xoves, día 4 de xullo.
CASTROVERDE: venres, 5 de xullo.
BAIONA: sábado, 6 de xullo.

Folleto informativo

- O Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visita os mozos e mozas participantes en Correspondentes Xuvenís que esta fin de semana participan nun encontro formativo no albergue xuvenil Marina EspañolaBENCONTRO1

- Lembra que a mocidade é unha prioridade para o Goberno galego, e por iso se continuará traballando desde a transversalidade, abrindo novas oportunidades

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, visitou ao centenar de mozos e mozas participantes no encontro autonómico de correspondentes xuvenís, un programa que busca xerar unha canle de comunicación directa coa mocidade e favorecer a transmisión de información de interese á xuventude.

Durante este encontro no albergue xuvenil Marina Española, que se celebra no marco do Día europeo da información xuvenil, destacou a “implicación, iniciativa e ilusión” dos participantes, que ao longo da fin de semana ampliarán a súa formación e desenvolverán ideas de proxectos no ámbito do ocio xuvenil a través dun hackatón.

Neste sentido, o conselleiro prometeu estar moi atento aos resultados por se a algunha destas ideas se lle pode dar forma de programa desde a Xunta de Galicia, e avanzou que esta nova Consellería reforzará a comunicación e o contacto coa mocidade a través de novas liñas de actuación.

Programas coma este, no que participan case 800 mozos e mozas de centros educativos de toda Galicia, axudan a desenvolver coñecementos e habilidades desde a educación non formal como o traballo en equipo, a oratoria, a creatividade ou a iniciativa. “Desde o Goberno galego apostamos por proxectos que incentiven a participación da mocidade e que lles abran camiño no seu futuro laboral, por iso traballaremos desde a óptica de transversalidade e de apertura de novas oportunidades para a xuventude”, remarcou.

Máis de 7.000 mozos beneficiados

O programa Correspondentes Xuvenís, que forma parte do Plan Proxecta, converte o alumnado en receptor e transmisor de información no seu centro educativo. A información de relevancia para este alumnado é enviada desde o departamento de Xuventude da Xunta de Galicia e son os propios mozos e mozas de cada centro os encargados de difundila entre os demais compañeiros.

Esta iniciativa, que tamén existe noutras comunidades autónomas, púxose en marcha en Galicia no curso 2013/2014 e non parou de medrar co paso dos cursos. Así mesmo, no ano 2019 ampliouse este programa ao alumnado das universidades galegas, que se denominan Correspondentes Universitarios. Os datos de correspondentes ascenden a máis de 7.000 mozos e mozas implicados desde o comezo das iniciativas.

- A Xunta abre o prazo para solicitar os campamentos e campos de voluntariado deste verán 2024

- A campaña de verán deste ano conta con máis de 11.500 prazas, 300 máis que na pasada edición, cando xa se bateran todos os records

- O prazo dos campamentos permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de abril e as solicitudes deberanse facer mediante a sede electrónica da Xunta

- Tamén se pode solicitar praza nos campamentos específicos destinados a persoas con discapacidade e cuxa oferta se poderá consultar na páxina web de Política Social

- Entre as novidades deste ano atópanse catro novos campamentos en Boiro, no Monte do Gozo (Santiago), Becerreá e Allariz

O Diario Oficial de Galicia publicou a orde de convocatoria dos campamentos de verán deste 2024. Ata o vindeiro 30 de abril, as familias poderán solicitar praza nunha das instalacións ofertadas pola Xunta de Galicia para este ano. A campaña de verán do Goberno galego contará con máis de 11.500 prazas, 300 máis que o pasado ano, batendo así con todos os récords.

Entre as novidades desta edición destacan catro novos campamentos: en Boiro, de índole artístico; no Monte do Gozo (Santiago), que terá como temática a música; no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá; e tamén un novo campamento en Allariz, no Centro de Formación Valverde. Inclúe tamén unha convocatoria específica para persoas con discapacidade que volverá a contar con 250 prazas e que se poderá solicitar a través da páxina web de Política Social.

Con respecto aos campos de voluntariado, poderanse solicitar ata o 30 de abril en primeira convocatoria, a través da páxina web de Xuventude. Crearanse seis novos: cinco de carácter nacional: Aranga (A Coruña), Samos (Lugo), Ribadavia (Ourense), Poio (Pontevedra) e en Ponteareas (Pontevedra); e outro de carácter internacional, na Merca (Ourense). Tamén se repetirá o campo de voluntariado específico para persoas galegas no exterior no Castro de Viladonga (Castro de Rei), en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración e Patrimonio Cultura.

Cesión de instalacións xuvenís a entidades e grupos de mozos

Así mesmo, as entidades que desenvolven actividades para a xuventude e os grupos de persoas mozas non asociadas tamén poden solicitar a utilización das instalacións xuvenís das que é titular a Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado co obxecto de que poidan desenvolver programas de lecer educativo e tempo libre, sen ánimo de lucro, dentro da programación da campaña de verán 2024. As solicitudes presentaranse por sede electrónica.

Novo programa de ocio alternativo

Ademais, impulsarase un novo programa de ocio alternativo, dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos en cinco instalacións de toda Galicia de xoves a domingo. Terá lugar nos albergues xuvenís de Allariz, Cabana de Bergantiños e A Devesa (Ribadeo), así como no complexo Cemar de Mondariz e no albergue montañas de Trevinca (A Veiga).

Minicampamentos

Esta oferta compleméntase cos minicampamentos ‘Coñece Galicia’ cuxa oferta se dará a coñecer máis adiante; e cos intercambios con outras comunidades autónomas. Neste respecto, á oferta tradicional sumaranse novos campamentos en Estremadura e en Castela a Mancha, con temática teatral e que terá lugar no albergue de San Servando, en Toledo.

Campamentos específicos para mozos e mozas con discapacidade

Toda a información sobre a Campaña de Verán, no seguinte enlace: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran

Cada 17 de abril celébrase o Día Europeo da Información Xuvenil, unha data que destaca a importancia dos servizos de información dirixidos á mocidade. Dende a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude compartimos a publicación do INJUVE con motivo desta efeméride.

O Día Europeo da Información Xuvenil é unha iniciativa establecida en 1983 pola Axencia Europea da Información e o Asesoramento Xuvenil (ERYICA) e o Instituto da Mocidade de España (INJUVE) que adquire especial relevancia este ano por coincidir coa Semana Europea da Mocidade.

O enfoque principal deste 2024 é promover a participación activa das persoas mozas na vida cívica e política como un elemento fundamental para fortalecer a democracia en Europa, especialmente no contexto das próximas eleccións ao Parlamento Europeo.

Os servizos de información xuvenil abarca unha ampla gama de temas relevantes para os mozos, proporcionando asesoramento, orientación, apoio, formación, actividades comunitarias e a conexión con servizos especializados, co propósito de involucrar e capacitar á mocidade. O Instituto da Mocidade de España resalta o papel crucial destes servizos en proporcionar información contrastada que capacita as persoas mozas para participar activamente na sociedade e exercer os seus dereitos.

https://www.eryica.org/european-youth-information-day

  • Son 300 prazas máis que na pasada edición, cando xa se bateran todos os récords
  • Pódese consultar toda a oferta de campamentos na páxina web de http://xuventude.xunta.es
  • O prazo para solicitar praza estará aberto desde o 17 ao 30 de abril de 2024
  • Inclúense varias novidades como catro novos campamentos, seis novos campos de voluntariado e un novo programa de ocio alternativo para mozos de entre 18 e 30 anos

A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, presentou  a programación da campaña de verán para este ano 2024 que contará cun novo récord de prazas: serán máis de 11.500, 300 máis que na pasada edición. Ademais, contará con novas instalacións e actividades que lle permitirá á xuventude vivir ‘O teu mellor verán’, tal e como recolle o lema deste ano.

Entre as novidades destacan catro novos campamentos: en Boiro, de índole artístico; no Monte do Gozo (Santiago), que terá como temática a música; no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá; e tamén un novo campamento en Allariz, no Centro de Formación Valverde. Incluirase tamén unha convocatoria específica para persoas con discapacidade que volverá a contar con 250 prazas.

Con respecto aos campos de voluntariado, crearanse seis novos: cinco de carácter nacional: Aranga (A Coruña), Samos (Lugo), Ribadavia (Ourense), Poio (Pontevedra) e en Ponteareas (Pontevedra); e outro de carácter internacional, na Merca (Ourense). Tamén se repetirá o campo de voluntariado específico para persoas galegas no exterior no Castro de Viladonga (Castro de Rei).

Novo programa de ocio alternativo
Ademais, impulsarase un novo programa de ocio alternativo, dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos en cinco instalacións de toda Galicia de xoves a domingo. Terá lugar nos albergues xuvenís de Allariz, Cabana de Bergantiños e A Devesa (Ribadeo), así como no complexo Cemar de Mondariz ou no albergue montañas de Trevinca (A Veiga).

Esta oferta compleméntase cos minicampamentos ‘Coñece Galicia’ cuxa oferta se dará a coñecer máis adiante; e cos intercambios con outras comunidades autónomas. Neste respecto, á oferta tradicional sumaranse novos campamentos en Estremadura e en Castela a Mancha, con temática teatral e que terá lugar no albergue de San Servando, en Toledo.

Apertura de prazo
A oferta de campamentos publícase no Diario Oficial de Galicia do 16 de abril. A partir do día seguinte —do mércores 17— e ata o 30 de abril, permanecerá aberto o prazo para solicitar praza. Os campamentos deberán solicitarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mentres que os campos de voluntariado faranse a través dun formulario na páxina web de Xuventude.

Apertura da piscina en Marina Española
Fabiola García presentou esta nova oferta no albergue xuvenil Marina Española, unha das instalacións máis demandadas e con máis historia que tamén contará este ano cunha novidade moi agardada. Logo de doce anos pechada, os mozos que acudan a este campamento poderán volver desfrutar da súa emblemática piscina. 

Campamentos específicos para mozos e mozas con discapacidade

Toda a información sobre a Campaña de Verán, no seguinte enlace: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran

Agora os Puntos Laranxas tamén os podes atopar nos Espazos Xove e Residencias xuvenís! Sabes o que son?

Nestes puntos atoparás unha caixa que funciona a modo de correo, e a través dela poderás comunicar ou denunciar situacións de acoso escolar ou ciberacoso.

Ante o acoso escolar, tolerancia cero.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou na  inauguración do proxecto Atlic, un dos programas beneficiados do Programa Cooperación Territorial Europea (Interreg). Durante a súa intervención destacou a importancia de que a xuventude se involucre en proxectos coma este, que mesturen o crecemento económico e a sustentabilidade.

O proxecto Atlic aproveita as oportunidades da economía azul e reúne a mozos de distintos países como España, Portugal, Irlanda e Francia para idear medidas que axuden a potenciala. A directora xeral felicitounos pola súa iniciativa e lembrou que a economía azul é unha prioridade para Galicia, unha Comunidade referente internacional na exportación de produtos do mar e a primeira potencia pesqueira de Europa.

A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García e a Directora Xeral de Xuventude, Participacion e Voluntariado, Cristina Pichel, recibiron a unha vintena de mozos xaponeses que participan no programa da Xunta de Galicia A Xuventude no Mundo, que se recuperou o pasado ano logo do parón da pandemia. Fíxoo no espazo Galiverso da Cidade da Cultura no que se pode coñecer a través da realidade virtual o patrimonio artístico e paisaxístico galego.

O programa A Xuventude no Mundo permite o intercambio cultural entre a mocidade de Galicia e O Xapón, prestando especial atención ás rutas de peregrinación destes dous territorios. A ruta Xacobea e a ruta Kumano Kodo, son as únicas do mundo recoñecidas pola Unesco como Patrimonio da Humanidade. Así, mediante esta iniciativa fomentase o coñecendo por parte dos mozos de ambos territorios das similitudes e contrastes entre ambas culturas.

Os mozos xaponeses descubrirán durante unha semana a nosa Comunidade visitando distintos enclaves como a Costa da Morte, a cidade de Santiago ou partes do Camiño de Santiago. Do mesmo xeito, o pasado mes de setembro, un grupo de vinte mozos galegos viaxaron ata Wakayama para coñecer a ruta deste país e outras características da súa forma de vida. Desde a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2010, beneficiáronse deste programa máis de 300 mozos.

Xa está aberta a convocatoria para solicitar os campos de voluntariado no estranxeiro.

Consulta aquí a información.

A convocatoria para os campos de voluntariado en Galicia e noutras CCAA e para as demais actividades da Campaña de verán 2024 publicarase proximamente.