ESPAZO XOVE DE TUI

R/ Sanz, 28  Tui

Teléfono: 886110797

espazoxovetui.xuventude@xunta.es

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pon a disposición de concellos, asociacións e grupos informais de mozos e mozas un servizo de información e asesoramento sobre os seguintes programas:

  • INICIATIVA XOVE: programa de axudas de ata 5.000 € para financiar ideas lideradas por mozos e mozas
  • GALEUROPA: programa de prácticas formativas de ata 3 meses nalgún país da Unión Europea.


A través deste servizo, que terá un formato de charla explicativa, expoñeranse as principais características dos programas e ofrecerase información práctica sobre a presentación de solicitudes. O obxectivo desta iniciativa é facer accesible a información e o asesoramento sobre dous dos principais programas desta dirección xeral a todas as potenciais persoas beneficiarias, independentemente da súa localización xeográfica.


Os concellos, entidades ou grupos interesados nesta charla deberán cubrir este formulario.


Unha vez recibida a solicitude, o dinamizador ou dinamizadora responsable da zona porase en contacto coa persoa indicada na solicitude para concretar os datos relativos ao lugar, data e horario da charla informativa.

 

No caso de haber varias solicitudes dentro do mesmo concello, tratarase de fixar unha data común para os interesados e interesadas.

O prazo para remitir as solicitudes remata o 20 de febreiro e as charlas levaranse a cabo ata o 1 de marzo inclusive.

 

  • O encontro inclúe un panel de experiencias e relatorios de orientación co fin de facilitar a inserción laboral dos participantes
  • Grazas a este programa, os e as participantes complementan a competencia profesional e persoal, incrementando así as súas posibilidades de acceso ao mercado de traballo, de forma que poidan acreditar unha práctica formativa no estranxeiro como parte do seu currículo
  • O conselleiro destacou que o desemprego entre os participantes en Galeuropa diminuíu nun 67%

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acudiu á inauguración da xornada formativa cos mozos e mozas beneficiarios do programa Galeuropa na convocatoria de 2016 e que veñen de rematar as súas prácticas formativas en 31 países europeos. O obxectivo deste encontro é realizar un balance do programa, que inclúe un panel de experiencias e relatorios de orientación co fin de facilitar a inserción laboral dos participantes. Na xornada tamén estivo presente a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez.

Na inauguración da xornada, o titular autonómico felicitou aos participantes nesta convocatoria polo seu esforzo, traballo e iniciativa en prol do seu futuro e do futuro da nosa terra. “A maior beneficiada destas mobilidades sempre será Galicia. Se a nosa mocidade ten a oportunidade de coñecer outros países e outras culturas, as súas competencias, habilidades e capacidades medrarán. O que redundará nunha maior calidade no tecido empresarial galego cando estes mozos e mozas volven e se incorporan ao mercado laboral”, afirmou o conselleiro. Así mesmo, destacou que Galeuropa tamén contribúe a descubrir novas posibilidades para a internacionalización das empresas galegas.

A través de Galeuropa, a Xunta de Galicia promove e axuda a financiar á mobilidade da mocidade galega para que realice estadías de prácticas formativas non remuneradas en entidades e empresas públicas ou privadas de países europeos. As axudas concédense directamente de xeito individual ou ben mediante concesión de axudas a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude ou proxectos de concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

Grazas a este programa, os participantes complementan a competencia profesional e persoal, incrementando así as súas posibilidades de inserción laboral, de forma que poidan acreditar unha práctica formativa no estranxeiro como parte do seu currículo. Así mesmo, con estas mobilidades inténtase dotar á comunidade de profesionais de coñecementos non só das habilidades propiamente da súa titulación, senón tamén que coñezan o funcionamento do mundo empresarial internacional e á súa vez con dominio de idiomas estranxeiros.

Para conseguir este obxectivo, a Consellería de Política Social destinou no pasado 2016 un total de 2.034.074,76 euros. Un orzamento que responde á prioridade que a Xunta de Galicia establece para apoiar medidas que incrementen as oportunidades de emprego para a mocidade e fomenten a súa autonomía persoal.

Como unha das medidas para a implantación do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil inclúese o programa Galeuropa, que á súa vez se enmarca no Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX), cofinanciado pola Iniciativas de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo.

Rey Varela rematou a súa intervención destacando que, segundo un estudo da Universidade de Santiago de Compostela sobre “Os programas de Educación non formal e a empregabilidade da Xuventude en Galicia”, o desemprego entre os participantes en Galeuropa diminuíu nun 67%. O estudo destaca que antes das prácticas, un 70,4% dos participantes estaba no paro, cifra que se reduciu posteriormente ata o 23,4%.

  • A Consellería de Política Social destina preto de 600.000 euros a esta liña de subvencións da que se poderán beneficiar concellos e mancomunidades de Galicia
  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, informou desta publicación durante a súa participación nunha xornada informativa sobre os programas de Galeuropa e Deseñando o teu futuro en Vila de Cruces

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, participou hoxe nunha xornada informativa sobre os programas de Galeuropa e Deseñando o teu futuro organizadas polo departamento de Xuventude do concello de Vila de Cruces. Cecilia Vázquez aproveitou o encontro para anunciar a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia da convocatoria de axudas destinada ás entidades locais para a promoción da información xuvenil e á realización de proxectos dirixidos á xuventude no ámbito da educación non formal e da participación.

A esta liña de subvencións, para as que a Consellería de Política Social destina 592.754 euros, van dirixidas a concellos e a mancomunidades de Galicia, así como tamén aos municipios que, pertencendo a unha mesma zona, acorden desenvolver programas conxuntos de actuación sen constituír unha mancomunidade.

A orde sinala que as solicitudes individuais de concellos contarán cun importe máximo de 3.000 euros; mentres que si son dous os municipios, a axuda será de 8.000 euros; e, se son tres ou máis, a subvención chegará aos 15.000 euros. Deste xeito, preténdese incentivas os proxectos conxuntos co obxectivo de favorecer a presentación de proxectos máis ambiciosos e de maior calidade.

Os beneficiarios das subvencións deberán participar no financiamento cun mínimo do 25% do orzamento total. O período subvencionable abranguerá dende o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2016. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contando a partir de mañá.

Poderán ser obxecto destas axudas os custes derivados do funcionamento normal dun servizo de información xuvenil, así como as actividades de dinamización da información que se levan a cabo. Tamén se subvencionan as actividades formativas e educativas, as relacionadas co espírito creativo e emprendedor da mocidade, os programas de información e asesoramento e, en xeral, os que faciliten a participación xuvenil en actividades de educación non formal e os relacionados co asociacionismo e liderado xuvenil, todos eles destinados á mocidade de idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos.

Grazas a esta orde, en 2015 desenvolvéronse un total de 219 proxectos xuvenís, dos que 215 foron solicitudes individuais, unha procedente de fusión municipal e tres de agrupacións de concellos. Entre estes últimos estaba o de Vila de Cruces, que xunto cos de Boqueixón e Vedra, desenvolveron un proxecto conxunto que contou con actividades de formación, de tempo libre e de ocio educativo nos meses de verán.