Intercambio xuvenil multilateral en Trentino-Alto Adige (Italia)

22 Xul 2015

2015vermiglio1A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado é socia no proxecto “Ciberbullying let´s talk”, que organiza o Concello de Vermiglio en Trentino (Alto –Adige) en Italia, no marco do programa Erasmus+, un programa que pretende mellorar o nivel de competencias e de capacidades básicas dos mozos e mozas, así como potenciar a dimensión internacional destes a través da participación en proxectos no estranxeiro.

O proxecto terá lugar en Trentino – Alto Adige (Italia), no que participarán mozos e mozas de once asociacións de sete países europeos e países veciños. Un total de 35 mozos e mozas de 7 países da Unión Europea terán a oportunidade de participar activamente nun intercambio xuvenil, no que se levarán a cabo diferentes actividades como: debates, xogos de rol, obradoiros e diferentes visitas educativas e culturais na comarca.

“Ciberbullying let´s talk” nace da necesidade de análise do uso das novas tecnoloxías e fundamentalmente do seu uso. Entre os seus obxectivos destacan, entre outros:  promover a utilización das novas tecnoloxías de forma segura e promover o debate sobre a identidade virtual e sobre a publicación de imaxes ou datos de carácter persoal en internet.
Países participantes: Bulgaria, Armenia, Turquía, Hungría, Xeorxia, Italia e España.
Datas de realización do intercambio: do 29 de agosto ao 4 de setembro de 2015.
Destinatarios: mozos e mozas residentes en Galicia entre 18 e 22 anos.

Prazas: 4 prazas
Prazo de inscrición: do 22 ao 26 de xullo de 2015.
Os participantes comprarán os billetes de traslado (ida e volta) desde o seu domicilio ata o lugar de aloxamento do intercambio en Vermiglio-Val di Sole pola súa propia conta, e seralles devolto o custo ata un máximo de 170 euros, coa presentación da factura a nome do participante e boarding pass (tarxetas de embarque) ou outros xustificantes de viaxe.
Aos efectos de facilitar o traslado de ida e volta dende o aeroporto de Bolonia (Italia) ata a localidade do aloxamento, a entidade italiana organizadora do intercambio porá a disposición dos participantes que así o soliciten un servizo de trasporte dende o referido aeroporto o día de inicio do intercambio (29 de agosto) e o día de finalización do mesmo (4 de setembro) no horario que se determine en función dos horarios de chegada e saída dos/as participantes.
Reiteramos que este servizo de transporte o ofrecerá a organización italiana dende o aeroporto de Bolonia,  cun custo de 70 euros que correrá a cargo do/a participante. No caso de que o/a participante non desexe utilizar este servizo, deberá chegar ao lugar de aloxamento pola súa conta.
Inscrición: Realizarase mediante o envío do formulario electrónico dispoñible nesta páxina web dentro do prazo establecido. Soamente se admitirá una solicitude por participante. Os erros nos datos facilitados na solicitude de participación ou a omisión de algún deles, poderá ocasionar a desestimación da solicitude.
Admisión: Será por rigorosa orde de inscrición sempre ata cubrir a totalidade das prazas convocadas para o intercambio.
Os/as solicitantes seleccionados/as recibirán un correo electrónico de confirmación da praza. De non recibir confirmación desta o último día de inscrición, entenderase que non obtivo praza para participar no intercambio.
Confirmada a praza nos 3 días seguintes  laborables, os/as seleccionados/as deberán remitir  a galeuropa@xunta.es a seguinte documentación:
- Factura e billetes de transporte ata o aeroporto italiano.
- Fotocopia do DNI
- Fotocopia da Tarxeta Sanitaria Europea ou póliza de seguro de viaxe, de accidente e  de enfermidade.
Recibidas correctamente as copias dos documentos solicitados, aos/ás seleccionados/as facilitáraselles posteriormente os datos de contacto do coordinador que acompañará ao grupo, así como o lugar de encontro na cidade de realización do intercambio.
Se houbera algunha baixa despois da adxudicación das prazas, ofertarase aos seguintes na lista de espera, tendo que presentar estes a documentación precisa nun prazo de 3 días laborais trala comunicación.
Cobertura do intercambio:
- Aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple
- Trasporte local no ámbito do intercambio
- Actividades organizadas pola entidade de acollida.

Máis información:
galeuropa@xunta.es
981 544 645 e 981 544 869

FORMULARIO DE INSCRICIÓN