Novas e actividades (1288)

Unha tese evidencia o impacto das redes sociais e da autoestima nos trastornos de conducta alimentaria na adolescencia. Nela afóndase en como o traballo social pode axudar ás persoas e familias afectadas.

Na súa tese de doutoramento, a investigadora e traballadora social Paula Frieiro analizou a influencia das redes sociais e da autoestima sobre os crecentes trastornos da conduta alimentaria (TCA) na adolescencia e a posíbel resposta desde o traballo social a estas enfermidades, que están influenciadas por múltiples factores: biolóxicos, psicolóxicos e socioculturais.

Segundo explica a xa doutora, é “transcendental o estudo da autoestima relacionada cos TCA, por vincularse de maneira central coa construción da propia imaxe corporal e por ser un factor mediador no risco de condutas asociadas aos trastornos da conduta alimentaria”. De igual forma, engade, a crecente socialización a través de redes sociais xera situacións de comparativa social, que “caracterízanse por ser frecuentes na adolescencia, oscilando nesta etapa entre un 6% e un 8%”.

Na tese identificouse que o 90% das persoas ás que se diagnostican TCA son mulleres. Froito da investigación, indica que “conclúese necesario impulsar a prevención relacionada co uso das redes sociais, de forma que se fomenten habilidades como o pensamento crítico sobre a información que se percibe a través destes medios. Os primeiros cursos de Educación Secundaria Obrigatoria son determinantes para a prevención-intervención dos TCA”.

A tese abordou a resposta desde o traballo social a esta problemática, subliñando que a intervención e acompañamento social pode conducir a “unha mellora substancial a nivel individual e familiar dos TCA”. A tese apunta que o traballo social pode mellorar o impacto sobre o proxecto de vida da persoa afectada e mellorar as dinámicas familiares.

https://www.investigo.biblioteca.uvigo.es/xmlui/handle/11093/4386 

Probas libres para a obtención de títulos FP (LOE)
 
Inscricións: Dende o 17 ata o 28 de abril de 2023.
 
Requisitos:
- Con carácter xeral, non estar matriculado/a en ciclos formativos de formación profesional nin ter causado baixa no correspondente curso académico.
- Non estar en posesión dun título de formación profesional declarado equivalente ao correspondente título de formación profesional obxecto da proba.
- Cumprir os requisitos de acceso aos ciclos de FP (para ciclos medios, título de FP básica,  ESO ou proba de acceso; para ciclos superiores, título de técnico de FP, bacharelato da LOE ou da LOXSE, ou proba de acceso)
- Ter 18 anos, para optar aos títulos de técnico (CM).
- Ter 20 anos, para optar aos títulos de técnico superior (CS), ou 19 anos no caso de posuír xa o título de técnico.
Malia o anterior, se houbera vacantes logo de resolto o proceso de admisión, poderán acceder á realización das probas dos módulos profesionais asociados a unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais as persoas adultas que, sen cumpriren as condicións de acceso, teñan acreditada experiencia laboral equivalente ao traballo a tempo completo de 2 anos nunha actividade laboral directamente relacionada co sector profesional do ciclo formativo correspondente.
Excepcionalmente, no caso de que houber vacantes logo de resolto o proceso de admisión, poderán acceder á realización das probas as persoas matriculadas polo réxime de persoas adultas para a superación dos módulos profesionais do mesmo ciclo formativo, sempre que os teñan suspensos de cursos académicos anteriores e non se atopen matriculadas neles no curso académico de realización da proba, até un máximo de 3 módulos/ciclo.
Tamén poderán matricularse de xeito excepcional, no caso de houber vacantes logo de resolto o proceso de admisión, ás persoas que superasen o módulo de FCT, e no caso dos ciclos de grao superior tamén o módulo de Proxecto, nos períodos extraordinarios de setembro-decembro e de xaneiro-marzo, do mesmo curso escolar en que teña lugar a convocatoria de probas libres.
 

Lareira-Mar

Mar 29, 2023

TELONAMAN+ organiza o evento gratuíto "LAREIRA-MAR", que se celebrará dentro do proxecto "TELONAMAN+: Liderado participativo ambiental para unha Economía Azul inclusiva e sustentable", cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Erasmus Plus e promovido por Medatlantia Consultoría Europea, S.Coop.Galega.

O obxectivo principal deste evento é compartir co público en xeral os resultados do proxecto, que inclúen un itinerario formativo de liderado participativo ambiental, metodoloxía de empoderamiento feminino e colectivos vulnerables, e un living lab para impulsar proxectos de Economía Azul sustentables e inclusivos. Podes ver estos resultados na páxina web do proxecto: https://telonaman.eu/es/el-proyecto/

O evento está especialmente dirixido a mulleres e outros colectivos vulnerables que queiran emprender e/ou impulsar o seu liderado.
O evento terá lugar no Centro Ágora, situado en Lugar dá Av. Gramela, 17 - 15010 A Coruña, o día 14 de abril de 2023 en horario de 10:00 a 13:00.

Será unha excelente oportunidade para coñecer os resultados do proxecto e aprender da experiencia de expertas en liderado participativo e empoderamento.

A inscrición ao evento é gratuíta: https://forms.gle/FPLP6T7pig8JZ8yz9 

Máis información:  https://telonaman.eu/es/el-proyecto/ 

Digochiño

Mar 23, 2023

A CRTVG estrea nova canle en YouTube Kids, dedicada aos máis pequenos da casa e onde xa é posible atopar os vídeos de ‘Digochiño’, a mascota do #DígochoEu, que están tamén dispoñibles na súa propia web, digochiño.gal.

YouTube Kids é unha plataforma de vídeos que ofrece unha experiencia en liña máis segura para os menores, cunha contorna máis controlada para que estes poidan navegar por si mesmos facilmente. Ademais, axuda a pais e coidadores a guialos nesta aventura no eido dixital. Esta nova proposta súmase á estreada pola CRTVG este mesmo mes de marzo: a web digochiño.gal, dedicada ao raposo branco e azul que cada sábado fomenta na G2, xunto a Esther Estévez, o uso do galego entre os cativos da casa.

Tanto a web coma a canle en YouTube Kids, son un contedor dos vídeos con todas as conversas entre o raposiño e a xornalista en que, entre outros temas, falan de ecoloxía, feminismo, expresións tipicamente galegas ou cuestións cotiás, incorporando tamén cancións, que son as que máis están triunfando nos primeiros pasos de Digochiño en YouTube Kids.

En Youtube: https://www.youtube.com/@digochino
Na rede: https://xn--digochio-j3a.gal/

Espazo Compartido

Mar 21, 2023

Espazo Compartido e un título propio da Universidade da Coruña para a formación laboral de persoas con discapacidade cognitiva
O seu obxectivo é dotar en habilidades persoais, sociais e competencias básicas para a empregabilidade e o fomento da inclusión laboral de mozas e mozos con discapacidade cognitiva.

Duración: 2 cursos académicos (900 horas/curso)
Prazas dispoñibles: 18
Equipo docente interdisciplinar
Prácticas en servizos propios da UDC e empresas externas

Docencia regrada
Talleres de formación complementaria: primeiros auxilios, manipulación de alimentos, como preparar o CV, como afrontar unha entrevista de traballo, preparación de oposicións...
Formación inclusiva con outras titulacións da UDC
Intercambios interuniversitarios
Actividades de extensión universitaria: cultura, saúde e deporte

Requisitos
Idade: ter entre 18 e 30 anos
Discapacidade intelectual igual ou maior ao 33%
Ser beneficiario do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil
Ter esgotada a etapa escolar
Demostrar unha conduta social axustada
Autonomía persoal

Prazo de inscrición: do 27 de marzo ao 19 de maio de 2023

https://www.udc.es/es/cufie/ADI/EspazoCompartido/ 

O Ministerio de Educación convoca 80 axudas para participar no programa Campus de Profundización Científica en Soria, durante o mes de xullo de 2023 para alumnado de 4º da ESO.

Constitúe o obxecto deste Campus favorecer o desenvolvemento do interese científico por parte dos alumnos, potenciar as súas capacidades demostradas no ámbito das ciencias, así como fomentar o esforzo individual e a motivación do alumnado, á vez que se integra nun ámbito no que prima a convivencia e o intercambio de experiencias culturais e educativas entre alumnos procedentes das distintas Comunidades Autónomas.

 
O Campus desenvolverase en dúas quendas, de 40 estudantes cada un, que terán lugar nas seguintes datas:
- Primeira quenda: Do 4 ao 12 de xullo de 2023.
- Segunda quenda: Do 18 ao 26 de xullo de 2023.

O traslado dos estudantes desde os seus lugares de orixe ata o Campus asignado, así como desde este ata os seus domicilios será por conta dos estudantes

Requisitos:
- Alumnadoque no curso escolar 2022/2023 estean a cursar ensinos de 4º de ESO en centros educativos españois sostidos con fondos públicos.
- Que obtivesen unha nota media no curso escolar 201/2022 superior ou igual aos 9,0 puntos.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata as 14:00 do 21 de abril de 2023

Máis información no BOE do 18 de marzo de 2023 e en https://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/estudiantes/becas-ayudas/extraescolares.html 

A Consellería de Educación convoca premios extraordinarios de formación profesional para o alumnado que realizou estudos de formación profesional de grao superior no curso 2021/22 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia e que os rematou no ano 2022.

Poderanse conceder ata 23 premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior que se imparte en Galicia.

Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
1. Ter cursados estudos de formación profesional de grao superior durante o curso 2021/22 nalgún centro educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ter rematado os seus estudos no ano 2021.
2. Ter obtido unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,50.

A dotación para os premios será de 1000 € por premio.

O prazo para optar aos premios estará aberto ata o 20 de abril de 2023.
A inscrición pode facerse en https://sede.xunta.es co procedemento ED311B
Máis información no DOG do 20 de marzo de 2023 e en https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/

O Instituto da Mocidade, INJUVE, convoca subvencións para o mantemento, funcionamento e equipamento de asociacións xuvenís, organizacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á mocidade de ámbito estatal, para o ano 2023.

Beneficiarias:
a) Asociacións xuvenís, Federacións ou Confederacións de Asociacións Xuvenís.
b) Seccións Xuvenís de entidades sociais ou organizacións non gobernamentais, integradas polos membros de entre 14 e 30 anos da entidade, que teñan recoñecidos nos seus Estatutos autonomía funcional, organización e goberno propio para os asuntos especificamente xuvenís.
c) Entidades prestadoras de servizos á mocidade, dedicadas con carácter exclusivo á realización de actividades en favor da mocidade segundo previsión expresa nos seus estatutos.

As entidades e organizacións non gobernamentais deberán reunir entre outros, os seguintes requisitos:
- Ter ámbito de actuación estatal segundo os seus Estatutos.
- Acreditar documentalmente ter sede aberta e en funcionamento no ámbito de varias Comunidades Autónomas.
- Carecer de fins de lucro

Finalidade:
Fomentar o movemento asociativo xuvenil de ámbito estatal contribuíndo ao mantemento e funcionamento das sedes e infraestruturas centrais das asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á mocidade de ámbito estatal.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 14 de abril de 2023.
Máis información no BOE do 15 de marzo de 2023 e www.injuve.es 

No BOE do 4 de marzo de 2023 publícase o Programa de Mocidade Delegada de España en Nacións Unidas destinado a mozos e mozas españois co fin de ser integrados nas delegacións oficiais de España ante Nacións Unidas.

O Programa ten como fins:
a) A incorporación de mozas nas delegacións oficiais de España no marco de Nacións Unidas.   
b) Dar a coñecer e aumentar o interese da mocidade española polas Nacións Unidas.
c) Promover o labor que España leva a cabo en materia de política exterior nos distintos foros das Nacións Unidas.
d) Potenciar a participación da mocidade na elaboración da axenda multilateral, facilitando que as visións dos mesmos sexan tidas en conta no proceso de toma de decisións a nivel internacional.
e) Cumprir cos compromisos adquiridos mediante a Resolución 2250 (2015) do Consello de Seguridade das Nacións Unidas sobre Mocidade, Paz e Seguridade.
f) Contribuír á inclusión das inquietudes da mocidade nos foros de Nacións Unidas.

Para o cumprimento dos fins mencionados, os mozos delegados:
a) Participarán na planificación, realización e avaliación das distintas actividades a nivel nacional e internacional que incluirán, entre outras, a participación presencial e telemática en delegacións oficiais de España en foros multilaterais e a difusión do Programa a nivel nacional, así como o desenvolvemento do Plan anual de traballo aprobado.
b) Participarán na formación específica para a mocidade delegada.
c) Participarán no estudo e preparación das temáticas de traballo obxecto do Programa.
d) Colaborarán no desenvolvemento de actividades de consulta, comunicación, difusión e promoción das actividades nas que participasen e sobre os temas abordados, dirixidas a outros mozos e organizacións xuvenís.
e) Propoñerán futuros proxectos que dean a coñecer o Programa.
f) Elaborarán unha memoria final da participación no Programa.
g) Responderán a un cuestionario para avaliar o desenvolvemento do mesmo, así como calquera outra acción necesaria para o cumprimento dos fins desta iniciativa.

En breve abrirase un prazo para que a mocidade interesada en participar no programa presente as solicitudes.

BOE do 4 de marzo de 2023