Novo programa Xuventude Mentoring na Empresa

27 Xun 2023

O prazo de Xuventude Mentoring na Empresa permanecerá aberto ata o 21 de xullo para que entidades e concellos presenten, a través da sede electrónica da Administración autonómica, as súas solicitudes para acollerse ao programa. O Diario Oficial de Galicia do 21 de xuño recolle o procedemento que rexe a concesión destas axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a posta en marcha desta iniciativa, que consiste en ofrecer á xente nova estadías formativas de ata tres meses en empresas ou entidades públicas ou privadas vinculadas a sectores económicos estratéxicos en Galicia e que melloren as súas posibilidades de incorporación ao mercado laboral.

O Goberno galego destina 1,2 millóns de euros a esta nova proposta, financiada nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020. Xuventude Mentoring na Empresa ten como finalidade reforzar tanto a empregabilidade como as habilidades e competencias profesionais de xente entre os 18 e os 30 anos inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

As propostas que presenten as entidades e concellos deberán contar cun mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas mozas participantes e a estadía formativa destas será de tres meses consecutivos, cunha duración mínima de 100 horas ao mes e un mínimo de catro días á semana. O importe máximo da subvención que se concederá a cada entidade para poñer en marcha o seu proxecto formativo é de 120.000 euros.

Na achega inclúese unha bolsa de formación por mozo participante dun mínimo de 630 euros mensuais, que se poderán incrementar en 100 euros por custos de desprazamento e outros 100 para os mozos cunha discapacidade igual ou superior ao 33%. Así mesmo, os participantes contarán cun plan formativo en habilidades e competencias para o emprego cun mínimo de 20 horas lectivas e cun titor encargado do seguimento da súa estadía.

As empresas ou entidades públicas ou privadas en que se realicen as estadías formativas deberán ser galegas ou ter centros de traballo en Galicia e estar vinculadas aos seguintes sectores económicos estratéxicos para a nosa comunidade: aeronáutica, agroalimentación, biotecnoloxía, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, metalmecánico, naval, pedra natural, téxtil/moda, tecnoloxías da información e da comunicación, e calidade de vida e benestar.

CONSULTA OS PROXECTOS APROBADOS

Como xa se explica máis arriba, a posta en marcha desta iniciativa correspóndelle ás entidades sociais e concellos ou as súas agrupacións que son adxudicatarias e promotoras de Xuventude Mentoring na empresa. Serán as encargadas de seleccionar as persoas participantes, da súa formación e das estadías en centros de traballo vinculados a algún dos seguintes sectores económicos estratéxicos:

Aeronáutica, agroalimentación, biotecnoloxía, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, metalmecánico, naval, pedra natural, téxtil/moda tecnoloxías da información e da comunicación e calidade de vida e benestar.

As persoas interesadas en participar deberán dirixirse ás entidades ou agrupacións de concellos beneficiarias de Xuventude Mentoring na empresa a través da información sobre as convocatorias, publicada ao pé desta información.