En portada (1162)

Despois da parada provocada pola pandemia da Covid-19, que obrigou a cancelar o intercambio con Xapón no marco do programa “A Xuventude no mundo”, a Consellería de Política Social e Xuventude recupera esta iniciativa, que é posible ao abeiro das relacións bilaterais que a Xunta de Galicia mantén con entidades doutros países. A maiores de participar as persoas que xa tiñan praza adxudicada en 2020, e que veñen de confirmar a súa participación de novo, ábrense 12 prazas máis para completar o grupo do intercambio:

Pais Entidade de acollida Nº prazas Datas de realización
XAPÓN (Wakayama) Prefectura de Wakayama 12 1-6 setembro de 2023

 

Pechado o formulario por esgotarse a prazas

Obxectivos: facilitar o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas para a comprensión da diversidade cultural e favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais que faciliten o desenvolvemento persoal dos mozos e mozas.

Destinatarios: mozos e mozas galegos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade no momento de realizarse o intercambio.

Non poderán participar no intercambio sinalado os mozos e mozas que participaran noutro intercambio ao mesmo país no marco do programa “A Xuventude no mundo” nas últimas tres edicións realizadas (2017-2019).

Prazo de inscrición: do 23 ao 29 de maio de 2023, ou ata esgotar as prazas. O formulario estará dispoñible desde as 10 horas do 23 de maio. Pechado o formulario por esgotarse a prazas

Inscrición: mediante envío de formulario electrónico dentro do prazo establecido.

Os erros nos datos facilitados na solicitude de participación ou a omisión dalgún deles pode ocasionar a desestimación da solicitude.

Admisión: será por rigorosa orde de inscrición, ata cubrir a totalidade de prazas convocadas para o intercambio. Os/as solicitantes seleccionados/as recibirán un correo electrónico de confirmación da praza. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, de non recibir comunicación nos tres días seguintes, entenderase que non obtivo praza.

De producirse baixas despois de adxudicarse as prazas, ofertaránselle aos/as solicitantes da lista de agarda, tendo que presentar o billete e demais documentación nos 5 días hábiles seguintes da comunicación.

No caso de que o billete de transporte adquirido fose anulado posteriormente á súa remisión á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a praza para o intercambio será anulada e considerada non adxudicada.

Recibidos correctamente os documentos requiridos, aos seleccionados/as seralles facilitado, posteriormente, o nome do/a coordinador/a que acompañará ao grupo, así como o lugar de encontro no lugar de realización do intercambio.

Documentación a remitir: confirmada a praza, nos 5 días hábiles seguintes, as persoas seleccionadas deberán remitir a galeuropa@xunta.gal:

1. Unha copia do/s billete/s de transporte adquirido/s para desprazarse ata a cidade do país de realización do intercambio. Non é documento válido a/s reserva/s de voo ou medio de transporte elixido.

2. Copia do Documento Nacional de Identidade.

3. Unha copia do seguro de viaxe, de accidentes e de enfermidade.

4. Unha copia do pasaporte.

A non remisión destes documentos no prazo establecido supón a perda da praza no intercambio.

 

INTERCAMBIO XUVENIL Á PREFECTURA DE WAKAYAMA (XAPÓN)

Título: “O Camiño Kumano Kodo irmandado co Camiño de Santiago ”.

Datas de realización do intercambio: do 1 ao 6 de setembro de 2023.

Observacións:

- Recomendación de aeroporto máis preto para chegar ao lugar de destino do país de realización do intercambio: Aeroporto de Kansai.

- O 1 de setembro, entre as 17.00 h e as 18.00 horas (hora xaponesa) todos os mozos e mozas participantes deberán estar no punto de encontro sinalado no aeroporto de Kansai - Wakayama.

- É obrigatorio participar no intercambio a totalidade dos días, é dicir, ata o 6 de setembro.

Cobertura do intercambio:

- Aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple.

- Trasporte no ámbito do intercambio.

- Actividades organizadas pola entidade de acollida.

Será a cargo do/a participante:

- Os gastos de desprazamento ata o lugar de aloxamento do intercambio en Xapón.

- Os gastos do seguro de viaxe, de accidente e de enfermidade.

Actividades provisionais previstas: percorrido por un tramo do Camiño Kumano Kodo, visita a lugares tradicionais da cultura xaponesa, encontros con mozos e mozas xaponeses, audiencia con autoridades.

Reunión previa á saída: Os /as mozos/as seleccionados/as serán convocados a unha reunión preparatoria do intercambio previa ao seu inicio, no día e lugar que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A asistencia será obrigatoria, agás causa de forza maior debidamente xustificada. A data de realización desta reunión será comunicada por correo electrónico con antelación suficiente.

 

MÁIS INFORMACIÓN

981545702

galeuropa@xunta.gal

 

INFORMACIÓN BÁSICA SOBRE A PROTECCIÓN DE DATOS PERSOAIS

RESPONSABLE DO TRATAMENTO

Xunta de Galicia. Consellería de Política Social e Xuventude.

FINALIDADES DO TRATAMENTO

Tramitar a inscrición para o Intercambio Xuvenil á Prefectura de Wakayama (Xapón) e levar a cabo as actuacións administrativas que se deriven e informar sobre o estado de tramitación. Así mesmo, os datos  persoais incluiranse na Carpeta cidadá de cada persoa interesada para facilitar o acceso á información, tanto persoal como de carácter administrativo.

LEXITIMIZACIÓN PARA O TRATAMENTO

O cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos derivada dunha competencia legalmente atribuída ao responsable do tratamento, así como o cumprimento de obrigas legais impostas ao dito responsable (artigos 6.1., letras c) e e) do RXPD e 8 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais). En concreto, a competencia e obrigas previstas nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, ena Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración Dixital de Galicia. Consentimento das persoas interesadas, cando corresponda.

DESTINATARIOS DOS DATOS

As Administracións públicas no exercicio das súas competencias.

EXERCICIO DOS DEREITOS

As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, ou retirar, de ser o caso, o consentimento outorgado, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos

CONTACTO COA PERSOA DELEGADA DE PROTECCIÓN DE DATOS E MÁIS INFORMACIÓN

https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou a importancia de fomentar o voluntariado nos centros de ensino para promover a solidariedade e o compromiso social entre o alumnado. Díxoo na entrega de diplomas aos estudantes do colexio La Salle de Ferrol que participaron no programa Pasaporte Solidario.

Ademais, Cristina Pichel explicou que a través desta iniciativa autonómica, os escolares comprométense coa sociedade e co entorno no que viven como voluntarios, levando a cabo e participando en distintas actividades da man de entidades da zona. Outro dos obxectivos de ‘Pasaporte Solidario’ é fomentar o traballo en equipo e achegar aos estudantes á realidade do voluntariado.

O acto celebrado esta tarde no colexio La Salle de Ferrol consistiu na presentación dixital das actividades da proposta educación en xustiza que o alumnado de Secundario deste centro levou a cabo no marco deste programa da Xunta. No mesmo tamén participaron entidades colaboradoras, así como profesores e familiares. O colexio La Salle de Ferrol tamén participa no programa Correspondentes Xuvenís, no que alumnos do centro encárganse de dar difusión entre os seus compañeiros de información e eventos de interese.

A terceira edición da Liga Xunta de Galicia de Break comeza o sábado 13 de maio en Lalín e percorrerá 10 localidades con máis de 120 participantes. ligabreak

As inscricións para a terceira Liga Xunta de Galicia de Break son de balde e deberán realizarse a través da web https://ligaxuntabreak.org

Poderán participar todas as persoas de 6 ou máis anos e, debido a que as prazas son limitadas adxudicaranse por estrita orde de inscrición con reserva de prazas a competidores da categoría intermedia (as persoas que acadaran entre o 1º e o 10º posto do ranking individual de iniciación da Liga de Break 2022).

A Liga Xunta de Galicia de Break 2023 comezará o sábado 13 de maio en Lalín. Tamén estará en Pontedeume, o 20 de maio; en Noia, o 3 de xuño; en Porto do Son, o 1 de xullo; en Verín, o 26 de agosto; en Vigo e A Coruña, o 16 e o 23 de setembro respectivamente; en Pontevedra, e Ourense, o 14 e 28 de outubro; e en Santiago de Compostela o 11 de novembro.

Nas tres categorías de iniciación, intermedia e avanzada ofrécese a posibilidade de participar en formato individual (1vs1). No caso do formato de parellas (2vs2) a categoría é aberta e poden formar parella competidores de diferentes categorías.

https://ligaxuntabreak.org 

A Xunta traslada experiencias de éxito protagonizadas por mozas e mozos a estudantes de secundaria de toda Galicia a través do programa Obradoiros Talento Mozo, que se pon en marcha este curso por primeira vez. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu ao coloquio que tivo lugar no IES Monte Castelo de Burela, que estivo protagonizado polas emprendedoras Lidia Díaz Otero e Natalia Rubal Soto.

Cristina Pichel destacou que con Obradoiros Talento Mozo quérese dar visibilidade á creatividade, empuxe, potencial e capacidade de innovación que ten a xuventude galega. A través deste programa, estanse a facer unha trintena de coloquios nos centros de secundaria galegos para presentarlle ao alumnado casos de éxito da mocidade e promover que sirvan de referencia, co fin tamén de solucionar as dúbidas que o alumnado poida ter á hora de escoller estudos superiores e a súa posterior inserción no mercado de traballo.

Lidia Díaz Otero, estudou na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e traballa na explotación de gando vacún que a súa familia ten en Abadín. Pola súa parte, Natalia Rubal Soto, estudou o grao de Empresa, Xestión, Márketing e Disciplinas Afíns pola UNED e na actualidade é responsable dunha tenda de moda infantil e xuvenil, doutra de telefonía móbil, dun bar deportivo e dun centro de masaxes. Ambas puideron darlle a coñecer aos estudantes a súa historia profesional, así como falarlles da importancia de potenciar habilidades persoais ou das oportunidades que existen en Galicia para desenvolver unha carreira profesional.

O proxecto europeo RuralYouthFuture contribuirá á creación de emprego xuvenil de calidade no rural
 
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participaron na presentación do proxecto RuralYouthFuture, que contou con representación de todas as asociacións socias. Trátase dunha iniciativa financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa de cooperación interrexional Interreg Europe que busca potenciar o emprego xuvenil de calidade e a creación de postos de traballo para a mocidade nas áreas rurais.
 
RuralYouthFuture vai dirixido á mocidade que vive en zonas rurais e se enfronta a unha serie de dificultades de cara á súa inserción laboral (conexión dixital, despoboamento...), cuestións que son comúns entre as diferentes rexións de España e Europa. O proxecto ten interese en impulsar o desenvolvemento rural sustentable, facilitando o acceso da mocidade que vive en zonas rurais a novas oportunidades laborais.
 
Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado animou as asociacións participantes neste proxecto a que presenten propostas concretas que “afiancen e poñan e valor o sentimento de orgullo de ser un mozo que pode vivir e traballar en ou desde o rural coas mesmas oportunidades que desde o ámbito urbano e, se cadra, con mellor calidade de vida”. Neste sentido, indicou que para conseguir esta meta queda camiño por diante e moitos retos compartidos por todos os países que necesitan resposta, pero amosouse confiada en que “entre todos sexamos capaces de contribuír a dar solucións e compartir as boas prácticas que actualmente existen”.
 
Nas redes sociais do proxecto pódese seguir máis polo miúdo: 

https://twitter.com/ruralyouth_eu

A Xunta achega ao CPI Plurilingüe de Vedra os obradoiros talento mozo con casos de éxito da xuventude galega
 
 
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, asistiron ao obradoiro Talento Mozo 2023 que tivo lugar no CPI Plurilingüe de Vedra e co que a Xunta de Galicia procura dar visibilidade á creatividade, ao potencial e á innovación da xuventude galega.
 
Deste xeito, en Vedra, participaron na charla a gañadora do premio Acción Voluntaria 2020 na categoría individual, Sofía Prol, e a directora de comunicación e marketing da empresa Viaqua, Sonia Delpont. Ambas puideron darlle a coñecer aos estudantes a súa historia profesional, así como falarlles da importancia de potenciar habilidades persoais ou das oportunidades que existen en Galicia para desenvolver unha carreira profesional.

A Xunta galardoa as mellores declaracións de amor do duodécimo certame Lingua de namorar

Na categoría A, de 14 a 19 anos, foron premiados a ourensá Alba Guzmán Falcón, o coruñés Santiago Sánchez Villarino e a veciña de Pantón Carla López Otero

Na categoría B, de 20 a 35 anos, os premios foron para Eva González Blanco, de Lalín; Clara Pérez Martínez, da Bola; e Andrea López Otero, de Pantón

Na modalidade de Instagram a mellor mensaxe foi da ourensá Iria Cebreiros Trigo

Aquí podes ler as mensaxes gañadoras

 

A Xunta de Galicia comezou o 25 de abril coa campaña Subliña o bo trato, risca o maltrato en varios institutos para promover e achegar ferramentas útiles que doten á mocidade dos recursos precisos para relacionarse dunha maneira igualitaria, libre de todo tipo de discriminación e violencias.

Nesta campaña, que se levará a cabo en oito institutos galegos e chegará a 500 alumnos, realizarase unha acción formativa e impulsaranse estratexias de responsabilidade afectiva e o coidado dos vínculos. A formación, impartida polo servizo de Quérote + da Consellería de Política Social e Xuventude, realízase no formato de obradoiros sobre relacións afectivo-sexuais.

Traballarase coa mocidade para recoñecer e respectar as diferenzas dos demais, para comunicar de forma asertiva o que senten, para querer en igualdade ou para usar contornos virtuais de xeito coidadoso e con responsabilidade afectiva. Cómpre sinalar que esta campaña está enmarcada nas estratexias do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, punto de inflexión na actuación dos poderes públicos para a erradicación da violencia de xénero en todas as súas formas.

Quérote +
Os centros Quérote+ son un servizo de información e asesoramento á xuventude nas áreas vinculadas ao entendemento social e o crecemento persoal. Está composto por un equipo especializado de profesionais da psicoloxía, da educación social e o traballo social para axudar no ámbito afectivo-sexual, na prevención do consumo de drogas, no uso das TIC ou no reforzo da autestima, entre outros. En xeral en todos aqueles asuntos nos que os mozos precisen dun apoio psicosocial.

Hai cinco centros Quérote + habilitados nas cidades da Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo para atender á mocidade e, ademais, os profesionais achéganse aos centros educativos, concellos e asociacións para impartir formación e charlas en diferentes eidos. Cómpre lembrar que o servizo de consulta pode ser presencial, telefónico, virtual, por videochamada ou por mensaxería instánea no 647 018 752.

O 17 de abril celebramos, como cada ano, o Día Europeo da Información Xuvenil.

Este ano, a ERYICA (axencia europea da información xuvenil) lanza unha campaña para mellorar a alfabetización mediática e informacional da poboación moza. Trátase dun tema no que se vén traballando tanto no ámbito educativo como no das competencias sociais dende hai tempo. De feito, a UNESCO desenvolve todos os anos a súa Semana Mundial da Alfabetización Mediática e Informacional.

Nesta ocasión, a ERYICA propón micropílulas que melloren a formación dos mozos e mozas sobre temas como as noticias falsas, o fishing, os trols, o manexo en contornas virtuais ou a adquisición dun espírito crítico no eido da información, entre outros. En definitiva, trátase de achegar ferramentas para que a poboación xuvenil saiba moverse nun contexto, ás veces, de desinformación dixital.

Dende a Xunta de Galicia unímonos a esta campaña e animamos a todos os mozos e mozas a mellorar a súa formación nestes temas para distinguir a información veraz da que non o é.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Ramón Manuel Domínguez López, renovaron o compromiso de adhesión da entidade ao programa Carné xove da Xunta de Galicia. O obxectivo é fomentar a lectura entre as mozas e mozos que sexan titulares devandito carné, os cales seguirán tendo descontos do 5% en libros e do 10% tanto en papelería como en material escolar nos establecementos asociados que forman parte do acordo: preto de 110 librarías que se poden consultar en librarías adheridas e nesta web.

Cómpre destacar que, en virtude deste acordo, e a maiores de aplicar os descontos, tamén se realizará un sorteo mensual dun vale de 50 euros entre as persoas usuarias do Carné xove. Este sorteo farase a través das redes sociais de Xuventude e a persoa gañadora poderá gastalo en calquera das librarías asociadas ao programa.

Así mesmo, a Consellería de Política Social e Xuventude e a Federación, comprométense a establecer sinerxías nas feiras do libro no marco do programa Carné xove. Con este fin, realizaranse actuacións como a promoción de artistas noveis ou participantes no certame Xuventude Crea nas especialidades relacionadas, como as de Novela curta e Poesía.