Xuventude Mentoring, como enfrontarse a procesos de selección de personal

28 Nov 2023

A Xunta prepara a xente nova a enfrontarse a procesos de selección de personal a través do Xuventude Mentoring

O obxectivo é que coñezan como enfocan as empresas a captación de talento, as fases dun proceso de selección e que gañen seguridade á hora de enfrontar a procura de emprego

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou a boa acollida que están a ter entre a mocidade, as empresas e as entidades os programas Xuventude Mentoring e Xuventude Mentoring na Empresa e sinalou que están a demostrar serlles útiles á xuventude para os seus inicios profesionais. Así o dixo no inicio dunha nova xornada de networking dirixida aos participantes na cuarta edición do Xuventude Mentoring, que se celebrou no Centro coordinador de información xuvenil.

Esta actividade formativa de seis horas de duración desenvolveuse en dúas sesións, unha primeira teórica e unha segunda de contido máis práctico. Ambas as dúas, protagonizadas polo impulsor de talento Josiño Pérez e a responsable de Relacións Humanas de Galchimia, Antía Blanco. Os participantes aprenderon a realizar unha estratexia de carreira profesional e enfrontáronse á experiencia de pasar un proceso de selección.

Os obxectivos desta sesión foron que os participantes obtiveran unha idea clara de como as empresas enfocan a captación de talento, coñeceran as fases polas que pasa un proceso de selección, descubriran ferramentas e consellos facilmente aplicables nestes procesos e gañaran seguridade á hora de enfrontar a procura de emprego.