PROGRAMA XUVENTUDE MENTORING
QUE?
O programa Xuventude Mentoring é un programa integral de formación e mentoring promovido pola Xunta de Galicia en colaboración co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria (Cixug), entidade integrada pola Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, para apoiar e acompañar ás persoas mozas na súa transición á vida laboral tras rematar os seus estudos de grao ou de formación profesional superior.
O programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo na Iniciativa de Emprego Xuvenil, nun 80%, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, para o período 2014-2020, no eixe prioritario 1B, prioridade de investimento 8.2, obxectivo específico 8.2.1, medida 8.2.1.1.
POR QUE?
Porque as persoas participantes no programa mellorarán ás súas habilidades e competencias así como as súas expectativas para acadar un emprego, a través do apoio permanente dun equipo de persoas titoras, dun equipo de docentes expertos e, sobre todo, dunha rede de persoas mentoras procedentes do propio empresariado de Galicia, que lles ofrecerán asesoramento e apoio profesional á medida ao longo das actividades do programa.
COMO?
A través das seguintes accións:
1. Actividades de asesoramento e acompañamento polo persoal do equipo de titores/as ao longo de todo o calendario. Estas persoas especialistas en orientación e apoio á inserción laboral acompañarán de xeito individualizado a cada persoa participante no seu percorrido ao longo da súa participación no programa.
2. Actividades de mentoría a cargo de persoas profesionais procedentes do empresariado galego. Cada persoa moza participante terá asignada unha persoa mentora procedente do sector económico ou profesional do seu interese, que lle aconsellará, apoiará e guiará na súa busca de emprego por conta allea ou propia (autoemprego), así como lle axudará a crear e ampliar unha rede de contactos de interese.
3. Actividades formativas de apoio ao desenvolvemento do perfil competencial de cada persoa participante. Estas actividades estarán divididas entre actividades formativas obrigatorias e contidos formativos voluntarios, podendo desenvolverse de maneira presencial, semipresencial ou en liña.
4. Actividades de networking e visitas a empresas. Ao longo do programa Xuventude Mentoring promoveranse e organizaranse diversas actividades de interacción e networking a través de eventos presenciais e de visitas a empresas destinadas a mellorar a empregabilidade e establecer unha rede de contactos que apoien as demais tarefas do programa. A participación nestas actividades será voluntaria.
PARA?
O programa Xuventude Mentoring vai dirixido a todas as persoas mozas de entre 18 e 30 anos, inscritas e beneficiarias do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX) que teñan cursado estudos universitarios de grao/posgrao ou formación profesional de grao superior e que desexen contar con apoio profesional e asistencia de persoas mentoras con experiencia para enfocar o seu desenvolvemento cara o mercado laboral, tanto por conta allea como por conta propia.
CANDO?
Xa está aberto o prazo de inscrición para a II edición, corespondente ao segundo semestre de 2022.
250 prazas dispoñibles!
INSCRICIÓN E INFORMACIÓN
Podes ampliar información e inscribirte na páxina web do programa:
https://www.xuventudementoring.gal/
Máis información: programas.xuventude@xunta.gal
Vídeos da I Edición de Xuventude Mentoring:
https://www.youtube.com/watch?v=p8zBJDVksMI
https://www.youtube.com/watch?v=KENUx67Mqz4
https://www.youtube.com/watch?v=akWNIleEERM
https://www.youtube.com/watch?v=jo1Hb9I7k6A
https://www.youtube.com/watch?v=R7Va6KRG28k