Queres estudar ensinanzas deportivas?

07 Mai 2024

A Consellería de Educación convoca probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2024/25.

Requisitos para o acceso ás ensinanzas deportivas de grao medio:
a) Dispor do título de graduado en educación secundaria, e superar unha proba específica.
b) O alumnado que non dispoña do título de graduado en educación secundaria, deberá ter 17 anos e superar unha proba de acceso substitutiva do requisito de titulación.
A proba substitutiva do requisito de titulación de grao medio poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:
- Proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional.
- Parte común da proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional.
- Proba substitutiva do requisito de titulación de acceso aos ciclos formativos de grao medio de artes plásticas e deseño.
- Proba substitutiva do requisito de titulación de acceso aos ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño.
- Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
- Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.

Requisitos para o acceso ás ensinanzas deportivas de grao superior:
a) Dispor do título de técnico deportivo na modalidade ou especialidade deportiva correspondente e ter, cando menos, algún dos seguintes títulos: Bacharel, Técnico superior, Título universitario, Certificado de ter superadas todas as materias do bacharelato.
b) O alumnado que non posúa o título de bacharel deberá ter 19 anos e superar unha proba de acceso substitutiva do requisito de titulación.
A proba substitutiva do requisito de titulación de grao superior poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:
- Parte común da proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional.
- Proba substitutiva do requisito de titulación de acceso aos ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño.
- Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
- Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.

A solicitude de inscrición presentarase na secretaría dalgún dos centros educativos vinculados a cada modalidade deportiva. Na modalidade de fútbol deberá presentarse necesariamente na secretaría do centro elixido para realizar a proba específica.

O prazo de inscrición na proba substitutiva do requisito de titulación de ESO e/ou na proba específica de grao medio estará aberto ata o día 26 de xuño de 2024.
O prazo de inscrición na proba substitutiva do requisito de titulación de bacharelato estará aberto ata o día 20 de maio de 2024.

As probas de acceso de grao medio de carácter específico, para cada unha das modalidades deportivas, terán lugar:

a) Na modalidade de fútbol sala no CIFP A Farixa (rúa das Laxas, s/n, Ourense), o día 16 de xullo, ás 10.00 horas.
b) Na modalidade de fútbol no CIFP Universidade Laboral (rúa Salvador Allende s/n, Culleredo), o día 18 de xullo, ás 10.00 horas, e no pavillón multiúsos da Xunqueira (rúa Celso Emilio Ferreiro, 1ª Travesía, Pontevedra), o día 19 de xullo, ás 11.00 horas.
c) Na modalidade de balonmán o día 19 de xullo, ás 10.00 horas no pavillón multiúsos da Xunqueira (rúa Celso Emilio Ferreiro, 1ª Travesía, Pontevedra).
d) Na modalidade de baloncesto no CIFP Fontecarmoa (rúa Fontecarmoa, 93, Vilagarcía de Arousa), o día 19 de xullo, ás 10.00 horas.
e) Na modalidade de vela nas instalacións do Centro Galego de Vela (Rampla Cavadelo, s/n, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra), o día 19 de xullo, ás 11.30 horas.
f) Na modalidade de atletismo no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (avenida Ramón Ferreiro, 2, Lugo), o día 17 de xullo, ás 10.00 horas.
g) Na modalidade de espeleoloxía no IES Plurilíngüe san Rosendo (avenida As San Lucas, 33 , Mondoñedo (Lugo), o día 15 de xullo, ás 10.30 horas.

Que deporte podes estudar?: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/1550

Máis información no DOG do 7 de maio de 2024 e en http://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/212