A Xunta compromete unha cuarta edición da liga de Break para o ano 2024 tras o éxito das anteriores

24 Nov 2023

O Goberno galego comprometeu unha cuarta edición da Liga Xunta de Galicia de Break para o ano 2024 tras o éxito das anteriores. Así se lles comunicou aos premiados da terceira edición, que recibiron os seus galardóns tras unha final celebrada no centro comercial Área Central de Santiago. Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Secretaría Xeral para o Deporte e a Asociación cultural e deportiva Vella Escola.

break2

Na categoría avanzada resultou gañador o B-Boy Retrokid, procedente de Santiago e de 29 anos de idade. Así mesmo, o segundo e terceiro premio recaeu nos campións de España en sub-21 e xuvenil Amor, natural do concello de Neda (A Coruña) e de 17 anos, e en Mini Ali, de Ourense e de 12 anos.

Na categoría intermedia os gañadores foron tres vigueses: Charlos, Chang e Pedrosa, de entre 13 e 16 anos. Por último, os gañadores na categoría de iniciación foron: os vigueses Gael e Roi e o coruñés Chris, de entre 8 e 12 anos. Todos os participantes da Liga recibiron un diploma do circuíto, mentres que os tres gañadores de cada categoría un trofeo e unha medalla.

O Goberno galego aposta por ofrecer alternativas de ocio e saudables á xuventude coma esta liga galega. Esta competición percorreu dez localidades e contou coa participación de máis de 120 mozas e mozos. En concreto, as localidades polas que pasou esta terceira edición foron: Lalín, Pontedeume, Noia, Porto do Son, Verín, Vigo, A Coruña, Pontevedra, Ourense e, finalmente, esta final en Santiago de Compostela.