Albergue de Allariz na REAJ

20 Dec 2023
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou na Asamblea da Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ), que conforman o conxunto de comunidades autónomas e na que, entre outras cuestións, se acordou a incorporación do Albergue de Allariz, xestionado pola Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia.
 
Cómpre destacar que hai máis de 300 albergues en España adheridos a esta rede e máis de 4.000 en todo o mundo e, a maiores, formar parte da REAJ implica poder participar nos programas e iniciativas que anualmente se convocan, como son as liñas de axuda para a mellora da sostibilidade ou accesibilidade das instalacións.
 
Por outro lado, a directora xeral tamén participou no Consello Reitor da ANE (Axencia Nacional Española) para abordar os programas Erasmus+ Xuventude e Corpo Europeo de Solidariedade de cara ao ano 2024, conxuntamente co resto de comunidades autónomas e Injuve.
 
Neste 2023, as cifras de concesión a entidades galegas alcanzaron os 58 proxectos, que mobilizaron máis de 1.800 participantes mozos/as e case 2 millóns de euros de financiamento.