A Xunta premia a Fernanda Rodríguez Miguélez na especialidade de Arte Urbana do programa Xuventude Crea

13 Dec 2022

A Xunta de Galicia deu a coñecer ás gañadoras na especialidade de Arte Urbana do programa Xuventude Crea 2022, cuxa fase final se celebrou o pasado mes de novembro en Vigo. A vencedora foi Fernanda Rodríguez Miguélez, da Coruña, pola súa creación ‘Susi de ghato'.

En segundo lugar quedou Elvira López Rodríguez, natural de Ribadeo, cunha proposta titulada ‘Egos'. E o terceiro posto recaeu en Andrea Otero Vázquez, de Ribadavia, coa obra titulada ‘Inés e Anís'. A gañadora recibirá unha gratificación de 3.000 euros; 1.500 a segunda clasificada e 1.000 a que quedou en terceira posición. En total, chegaron a esta fase final cinco novos que presentaron as súas obras ao xurado.

350 artistas e 280 obras
Máis de 4.000 mozos de entre 16 e 30 anos participaron nas trece edicións que se celebraron do Xuventude Crea, que acumula preto de 3.000 proxectos creativos e obras presentadas. Na edición deste ano 2022 concorren un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recentemente estreado: www.museoxuventudecrea.gal

As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Como novidade neste 2022, o cambio de nome de grafiti ao de arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.