Os Farsantes Teatro, primeiro premio no certame Xuventude Crea, protagonizan a nova edición de Xuventude.Novas

02 Xun 2015

Xuventude.Novasmaio2015A nova edición de Xuventude.Novas, a revista interactiva da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ten como principal contido da súa portada unha entrevista con Alfonso Rivera, o director da compañía Os Farsantes Teatro, gañadora do primeiro premio da última edición do certame Xuventude Crea. Rivera explica que ‘Vincent’, a obra gañadora que percorre a biografía do pintor Van Gogh, segue as pautas do chamado teatro físico, no que prima o proceso de creación e a capacidade de improvisación sobre a existencia dun texto previo ou a necesidade de grandes recursos escénicos. De feito, declárase “orgulloso” de que a produción da obra custase nada máis que 150 euros.

Outra reportaxe destacada neste número é a relacionada coa Iniciativa Xove que efectuaron os integrantes da asociación xuvenil A Eira, de Valga (Pontevedra). Consistiu nun curso para aprender a utilizar o software ‘SolidWorks’, empregado para o deseño e modelado de pezas dun xeito sinxelo. Os coñecementos adquiridos nesta actividade fóronlles útiles aos participantes para incrementar a súa formación e ter máis opcións de empregabilidade. A asociación que promoveu esta Iniciativa Xove é un dos colectivos máis recoñecibles da súa contorna, que logra implicar persoas de todas as idades na súa programación, especialmente o sector da mocidade.

O novo Xuventude.Novas reserva un espazo para o programa de voluntariado ambiental deste verán, que xa comezou no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Ata setembro, pasarán por esa paraxe uns 400 participantes, que afrontarán en total unhas 2.000 xornadas de accións voluntarias. As tarefas principais que teñen previstas son as do coidado, recuperación e preservación dos ecosistemas naturais, e as de apoio aos guías de información para visitantes, incluído un grupo específico para a atención a persoas con discapacidade.

Como é habitual, a música ocupa unha boa parte do espazo da revista interactiva da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. En primeiro lugar, este número ofrece unha entrevista con Sofía Espiñeira, gañadora do Certame de Canción de Autor en Galego. Satisfeita co recoñecemento do concurso, no que tamén obtivo o premio do público, Espiñeira asegura que os temas das súas cancións van saíndo das súas experiencias cotiás e explica que nas súas actuacións gústalle transmitirlle ao público a orixe desas letras. En segundo lugar, Xuventude.Novas ofrece unha crónica dos Premios da Música Independente MIN 2015, que como mellor álbum en galego condecoraron o disco ‘A muerte’, do grupo Terbutalina. E por último, non podía faltar na revista a habitual axenda de concertos e actuacións, cada vez máis intensa por causa da chegada do verán.

Xuventude.Novas de maio de 2015