A Xunta abre o prazo para solicitar os campamentos e campos de voluntariado deste verán 2024

18 Abr 2024

- A Xunta abre o prazo para solicitar os campamentos e campos de voluntariado deste verán 2024

- A campaña de verán deste ano conta con máis de 11.500 prazas, 300 máis que na pasada edición, cando xa se bateran todos os records

- O prazo dos campamentos permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de abril e as solicitudes deberanse facer mediante a sede electrónica da Xunta

- Tamén se pode solicitar praza nos campamentos específicos destinados a persoas con discapacidade e cuxa oferta se poderá consultar na páxina web de Política Social

- Entre as novidades deste ano atópanse catro novos campamentos en Boiro, no Monte do Gozo (Santiago), Becerreá e Allariz

O Diario Oficial de Galicia publicou a orde de convocatoria dos campamentos de verán deste 2024. Ata o vindeiro 30 de abril, as familias poderán solicitar praza nunha das instalacións ofertadas pola Xunta de Galicia para este ano. A campaña de verán do Goberno galego contará con máis de 11.500 prazas, 300 máis que o pasado ano, batendo así con todos os récords.

Entre as novidades desta edición destacan catro novos campamentos: en Boiro, de índole artístico; no Monte do Gozo (Santiago), que terá como temática a música; no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá; e tamén un novo campamento en Allariz, no Centro de Formación Valverde. Inclúe tamén unha convocatoria específica para persoas con discapacidade que volverá a contar con 250 prazas e que se poderá solicitar a través da páxina web de Política Social.

Con respecto aos campos de voluntariado, poderanse solicitar ata o 30 de abril en primeira convocatoria, a través da páxina web de Xuventude. Crearanse seis novos: cinco de carácter nacional: Aranga (A Coruña), Samos (Lugo), Ribadavia (Ourense), Poio (Pontevedra) e en Ponteareas (Pontevedra); e outro de carácter internacional, na Merca (Ourense). Tamén se repetirá o campo de voluntariado específico para persoas galegas no exterior no Castro de Viladonga (Castro de Rei), en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración e Patrimonio Cultura.

Cesión de instalacións xuvenís a entidades e grupos de mozos

Así mesmo, as entidades que desenvolven actividades para a xuventude e os grupos de persoas mozas non asociadas tamén poden solicitar a utilización das instalacións xuvenís das que é titular a Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado co obxecto de que poidan desenvolver programas de lecer educativo e tempo libre, sen ánimo de lucro, dentro da programación da campaña de verán 2024. As solicitudes presentaranse por sede electrónica.

Novo programa de ocio alternativo

Ademais, impulsarase un novo programa de ocio alternativo, dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos en cinco instalacións de toda Galicia de xoves a domingo. Terá lugar nos albergues xuvenís de Allariz, Cabana de Bergantiños e A Devesa (Ribadeo), así como no complexo Cemar de Mondariz e no albergue montañas de Trevinca (A Veiga).

Minicampamentos

Esta oferta compleméntase cos minicampamentos ‘Coñece Galicia’ cuxa oferta se dará a coñecer máis adiante; e cos intercambios con outras comunidades autónomas. Neste respecto, á oferta tradicional sumaranse novos campamentos en Estremadura e en Castela a Mancha, con temática teatral e que terá lugar no albergue de San Servando, en Toledo.

Campamentos específicos para mozos e mozas con discapacidade

Toda a información sobre a Campaña de Verán, no seguinte enlace: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran