A Xunta defende ante a Unión Europea as propostas acordadas coas comunidades autónomas en materia de participación da xuventude

24 Nov 2023

A Xunta de Galicia defendeu ante o Consello de Ministros de Xuventude do Consello da Unión Europea as propostas acordadas coas Comunidades Autónomas en materia de participación da mocidade. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García e a Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel participaron neste encontro en Bruxelas no que trasladaron as medidas acordadas co resto de comunidades durante os últimos meses.

Galicia ostenta a coordinación a nivel autonómico neste segundo semestre do ano. Entre as medidas recollidas no documento acordado coas comunidades autónomas establécese un maior coñecemento por parte da mocidade das institucións europeas, o fomento do intercambio cultural e a tolerancia e unha maior atención a temas que están a afectar directamente á xuventude como é a saúde mental.

A conselleira lembrou que o Goberno galego aposta por unha mocidade con voz propia, participativa e implicada na construción da Galicia do futuro. A Xunta contou co punto de vista da xuventude na elaboración do Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia que se presentará nos próximos meses; na posta en marcha de charlas e formación en materia de saúde mental a través do Quérote+; e mediante a posta en marcha de programas como o Parlamento Xove, que os anima a investigar, dialogar e formar a súa propia opinión.