A Xunta asina un convenio con Gadis para incrementar as vantaxes da xuventude a través do Carné Xove

02 Feb 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou unha nova iniciativa para incrementar as vantaxes da xuventude a través do Carné Xove. A Xunta asinou un convenio de colaboración con Gadis para ofrecer sorteos mensuais a mozos de entre 18 e 30 anos, aos que poderán optar con cada compra nalgún dos seus supermercados.

A mocidade galega poderá optar a vales de compra por valor de 300 euros, teléfonos móbiles ou estadías en aloxamentos, entre outros. O único que precisan é descargar a aplicación móbil de Gadis e incluír o seu Carné Xove para participar nestes sorteos. Deste xeito, a Xunta segue a incrementar as vantaxes do Carné Xove que nestes momentos conta con máis de 1.400 establecementos adheridos.

Fabiola García lembrou que nos últimos anos o Goberno galego mellorou o Carné Xove ao convertelo en 100% gratuíto e con vixencia indefinida para os 400.000 mozos de entre 12 e 30 anos da nosa Comunidade. Ademais, fóronse incrementando as vantaxes das que se pode beneficiar a mocidade en toda España e tamén en países europeos como descontos en establecementos turísticos, no comercio local e os descontos tradicionais en cines, museos ou librarías.

https://carnexove.xunta.gal/gl