A Xunta inaugura na Estrada o programa de ocio educativo ‘Día da Xuventude’, que recalará en 30 concellos de Galicia

04 Xan 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiron hoxe na Estrada á inauguración do novo programa de lecer e educación non formal posto en marcha pola Xunta de Galicia para celebrar e poñer en valor o Día da Xuventude.

Este novo programa, ao abeiro do Plan Corresponsables, conta cunha ampla programación formativa e de ocio destinada tanto á mocidade galega como ás propias familias, dado que esta iniciativa tamén favorece a conciliación da vida familiar e laboral.

Cristina Pichel explicou que a Estrada será a primeira parada desta programación, que ata o mes de abril recalará nunha trintena de localidades diferentes das catro provincias galegas. Así, subliñou que con esta iniciativa “ofrécense alternativas de ocio educativo saudable totalmente gratuítas, nas que non só se busca que a mocidade o pase ben, senón que tamén aprenda e desenvolva novas competencias”.

En cada un dos municipios a xuventude contará cun gran abano de actividades gratuítas como xogos educativos de gastronomía, futbolín humano, tiro con arco, obradoiros medioambientais, habilidades de empregabilidade. Ademais diso, tamén contarán con información xuvenil así como con postos de concienciación sobre a igualdade de xénero.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo en valor recursos como o hoxe estreado na Estrada e que contarán con presenza en 30 concellos para “ofrecer alternativas de conciliación e espazos de coidados ás familias”. Tal e como recalcou, a iniciativa enmárcase no conxunto de actuacións que Galicia desenvolve do Plan Corresponsables de xeito transversal e que supón un punto e seguido nas políticas de impulso á conciliación e corresponsabilidade que vén desenvolvendo a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e á que destinará en 2023 un total de 14,6 millóns de euros.