A Xunta crea unha oficina virtual para asesorar e orientar á xuventude sobre os recursos e programas que ten á súa disposición

02 Ago 2022
  • A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou esta nova iniciativa o 22 de xullo no Espazo Xove de Noia
  • Contará como ferramenta principal cun mapa de recursos que aglutinará todas as iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para a mocidade en ámbitos como a educación, o emprego, a igualdade, a vivenda ou o lecer
  • O Goberno galego conta cunha ampla rede de iniciativas destinadas a darlle oportunidades á xuventude como o programa Xuventude Mentoring, o Xuventude Crea, o Carné Xove ou as actividades promovidas por parte da rede de Espazos Xoves de Galicia, entre outros
  • Esta oficina virtual de asesoramento estará dispoñible dende hoxe na páxina web de Xuventude

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou a creación dunha oficina virtual de asesoramento e orientación para a mocidade que aglutinará os recursos postos a disposición por parte dos distintos departamentos do Goberno autonómico. Esta nova iniciativa presentouse esta mañá no Espazo Xove de Noia e durante o acto tamén participaron distintos representantes e técnicos que traballan neste ámbito.

Fabiola García sinalou que esta iniciativa, dispoñible dende hoxe mesmo na páxina web de Xuventude, terá como principal ferramenta un mapa de recursos que recompilará os programas postos en marcha polos distintos departamentos do Goberno galego para a mocidade en ámbitos como a educación, o emprego, a igualdade, a mobilidade, a vivenda ou o lecer. Ademais, esta oficina conta tamén cunha canle electrónica de asesoramento individualizado para todos os mozos de Galicia.

Durante a presentación, a conselleira lembrou que a Xunta pon a disposición da xuventude programas e iniciativas que lle permitan impulsar novos proxectos e conseguir todo aquilo que se propoñan. Exemplo disto é o Xuventude Mentoring, que conseguiu que 200 mozos tivesen a súa primeira experiencia laboral o pasado ano; o programa Xuventude Crea, que premia as creacións artísticas da mocidade en 14 disciplinas distintas; o Carné Xove, que leva décadas ofrecendo descontos á xuventude, ou os propios Espazos Xoves, que lle ofrecen propostas de ocio, formación e participación.

Finalmente, Fabiola García aproveitou para resaltar o papel de asociacións xuvenís e entidades locais como colaboradoras fundamentais do Executivo autonómico para darlle máis facilidades á xuventude. Neste sentido, comprometeuse a seguir traballando para garantir que a mocidade poida seguir desenvolvendo todo o seu potencial.