Máis de 60 persoas participan hoxe en Ourense no II Foro Galego de Solidariedade, organizado pola Consellería de Benestar

26 Abr 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, inauguraron hoxe este encontro baixo o título “Promoción e dinamización da acción voluntaria”

No Foro participan voluntarios e voluntarias, así como persoal técnico e responsables de concellos, entidades e centros educativos

Os seus principais obxectivos son poñer en valor a contribución das persoas voluntarias, difundir iniciativas innovadoras neste eido, e servir de punto de encontro entre todos os axentes do sectorFORO_GALEGO_DE_SOLIDARIEDADE

Máis de 60 persoas participan hoxe no II Foro galego de solidariedade (FGS), que se celebra en Ourense. Esta iniciativa está organizada pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, baixo o título “Promoción e dinamización da acción voluntaria”.

O director xeral desta área autonómica, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, inauguraron hoxe este encontro, que pretende converterse nun espazo de interacción dos axentes de participación social e voluntariado en Galicia, ao tempo que estimula a reflexión, o debate, e a construción de conclusións compartidas sobre aspectos cruciais para o desenvolvemento da acción das entidades sociais e solidarias de Galicia.

Os FGS son unha iniciativa posta en marcha por primeira vez este ano, e o de Ourense é o segundo foro que se celebra, tras o que tivo lugar en Lugo. Estes encontros están preparados por grupos de traballo formados por persoas e entidades que coñecen en profundidade esta materia. Esta reflexión previa dos grupos de traballo será enriquecida posteriormente polo debate que se produza durante os foros.

Os destinatarios destes encontros son voluntarios e voluntarias; persoal técnico de entidades de acción voluntaria; responsables de programas de voluntariado de administración públicas; persoal do terceiro sector de Galicia e demais axentes de acción voluntaria en Galicia.

Os obxectivos dos FGS son, principalmente, dimensionar e poñer en valor ante a opinión pública a contribución das persoas voluntarias; difundir as iniciativas innovadoras do sector e das persoas voluntarias a favor dunha sociedade máis participativa e solidaria; ademais de servir de punto de encontro entre todos os axentes do sector.