Xuventude impartirá por toda Galicia, a través do programa Activa, 141 cursos e obradoiros que están dirixidos a máis de 5.000 mozos

24 Abr 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou esta iniciativa que arranca hoxe no concello de Ames

O plan consta de 4 modalidades enfocadas a temas de especial interese para a mocidade, como son as habilidades para a busca de emprego; a participación e o asociacionismo; os recursos existentes para mozos e mozas; e a formación centrada na oratoria

Persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil impartirá os obradoiros que foron deseñados, escollidos e planificados en colaboración con técnicos municipais e responsables de Espazo Xove

Os destinatarios son menores de 30 anos, técnicos locais de emprego, animadores xuvenís, concelleiros de xuventude, asociacións, grupos informais e, en xeral, calquera colectivo interesado no eido da mocidade

O programa Activa da Consellería de Traballo e Benestar permitirá a formación de máis de 5.000 mozos e mozas por toda Galicia en temas de especial interese para este colectivo.ACTIVA

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou esta iniciativa en Ames, onde se inicia hoxe o primeiro dos 141 cursos e obradoiros que se celebrarán entre os meses de abril e novembro por toda Galicia.

Persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil percorrerán, deste xeito, concellos e comarcas das catro provincias desenvolvendo estas xornadas que inclúen catro tipoloxías de formación que tentan abranguer cuestións transversais e de interese para a mocidade galega.

A primeira das catro modalidades, segundo explicou Rodeiro, leva por título ‘Mediación xuvenil para a participación’, que se centra na formación en competencias sobre xestión e funcionamento interno de entidades xuvenís e na difusión de elementos que potencien o asociacionismo e a participación da mocidade. Este é o primeiro dos obradoiros que comeza hoxe en Ames.

A divulgación de recursos para a mocidade galega será o tema clave da segunda tipoloxía de cursos que se levarán a cabo a través do programa ‘Activa’. Así, ‘Programas e axudas para mozos e mozas’ procurará amosar aos mozos e mozas qué oportunidades e medios teñen á súa disposición sobre temas como a vivenda, mobilidade, voluntariado, asociacionismo, emprego ou bolsas e axudas.

O terceiro curso que se impartirá, ‘Comunícate’, versará sobre a importancia de saber transmitir e comunicarse con eficacia. O obradoiro centrarase en descubrir as claves comunicativas fundamentais para enfrontarse con solvencia ás necesidades de cada día.

Por último, ‘Emprégate’ terá como finalidade mellorar a empregabilidade da mocidade, achegando as ferramentas axeitadas para atopar un emprego. “Pretendemos que os participantes acaden unha idea clara do mercado laboral, cáles son as oportunidades dispoñibles en momentos de crise, cómo elaborar un currículum ou enfrontarse a unha entrevista de traballo”, apuntou. Nesta iniciativa, ademais, descubrirán o programa ‘Emprende’ da Dirección Xeral de Xuventude.

Beneficiarios dos cursos
Os destinatarios destas xornadas serán os menores de 30 anos, técnicos locais de emprego, animadores e animadoras xuvenís, concelleiros e concelleiras, asociacións e grupos informais, aínda que están abertos a calquera colectivo interesado no eido da mocidade.

Para consultar as datas e lugares de realización destes obradoiros, os interesados poden consultar máis información na páxina web www.xuventude.net.