A Xunta promove o espírito emprendedor entre a mocidade galega con axudas e programas de apoio relativos á cultura

19 Abr 2012

A directora xeral de Promoción do Emprego, Amparo González, inaugurou hoxe a xornada ‘Emprendemento nas industrias culturais’

Amparo González salientou que a Consellería de Traballo e Benestar non só concede subvencións, tamén facilita o necesario asesoramento e acompañamento técnico aos emprendedores a través da Rede de Axentes de EmpregoEMPREDEURISMO

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, ofrece diversas axudas e programas de apoio dirixidos a fomentar o emprendedurismo entre a mocidade galega.

Así o indicou hoxe a directora xeral de Promoción do Emprego, Amparo González, na inauguración da xornada “Emprendemento nas industrias culturais”, organizada pola Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo.

Na súa intervención, González referiuse aos programas de axudas ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego, de fomento das iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), de apoio ás iniciativas emprendedoras e de emprego, e o programa de promoción do emprego autónomo.

A través destes programas de apoio aos emprendedores, a Consellería de Traballo e Benestar concede axudas económicas á creación do emprego; á subsidiación dos xuros dos prestamos bancarios necesarios para o financiamento dos investimentos materiais ou intanxibles, para o que a Consellería de Traballo e Benestar ten asinado un convenio con 15 entidades financeiras; axudas á formación; á contratación de persoal técnico de alta cualificación; e subvencións para os gastos de inicio e posta en marcha da actividade.

Amparo González salientou que a Consellería “non só concede subvencións, tamén facilita o necesario asesoramento e acompañamento técnico aos emprendedores, de forma que dispoñan dun apoio profesional tanto na fase de posta en marcha da actividade como nos primeiros anos de funcionamento da súa empresa”, a través da Rede de Axentes de Emprego e no marco das políticas activas de emprego.

Esta xornada pretende dar a coñecer, ao alumnado e a todas as persoas con espírito empresarial, as potencialidades empresariais e as oportunidades de negocio vinculadas ao sector da cultura, que congrega máis de 3.800 empresas en Galicia, das que o 96% son microempresas.

As xornadas, que comezaron onte na Coruña, continuarán na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais os encontros serán pechados polo conselleiro Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, que realizará a apertura da última das sesións no Campus de Ourense, dentro da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo.