Benestar organiza varias xornadas e seminarios sobre o dereito á información dos mozos e mozas

17 Abr 2012

SUSOO director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe a primeira destas xornadas no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Santiago

Estas xornadas, dirixidas á visualización da información especializada e da figura do informador xuvenil, enmárcanse na campaña da Axencia de Europa de Información e Asesoramento para os Mozos (ERYCA) con motivo do Día europeo do dereito á información xuvenil

Esta iniciativa terá lugar nos ‘Espazos Xove’ de Noia, Betanzos, Curtis e Pontedeume ao longo do mes de abril

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, uniuse á campaña ‘O Dereito á Información Xuvenil’ con motivo do Día Europeo deste eido, coa posta en marcha de seminarios e xornadas dirixidas á visualización da información especializada e á figura do informador xuvenil.

Estas xornadas, que terán lugar no Centro Coordinador de Información Xuvenil de Santiago e en distintos ‘Espazos Xove’ da Rede Galega de centros xuvenís, están destinadas aos informadores xuvenís, técnicos, expertos, titulados e estudantes do máster en xuventude, persoal dos centros ‘Quérote +’, dinamizadores xuvenís, e mozos e mozas interesados na materia.

En concreto, ao longo da mañá de hoxe estase a celebrar esta xornada no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Santiago, que inaugurou o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e tamén se están a celebrar xornadas ao longo do mes de abril nos ‘Espazos Xove’ da Rede Galega de Centros de Xuventude de Noia, Betanzos, Curtis e Pontedeume, dirixidas a mozos e mozas maiores de 14 anos.

A campaña, posta en marcha pola Axencia de Europa de Información e Asesoramento para os Mozos (ERYCA) en colaboración co Consello de Europa, pretende sensibilizar á mocidade e aos medios de comunicación sobre o papel especial da información para os mozos e mozas con respecto ao acceso destes aos seus dereitos. Tamén se pretende sensibilizar sobre o acceso á información como un dereito en si mesmo para toda a xuventude.

Así mesmo e como requisito previo, establécese o respecto á democracia, aos dereitos humanos e ás liberdades fundamentais, así como o dereito a que todos os mozos e mozas teñan acceso a unha información completa, obxectiva, comprensible e fiable sobre todas as súas dúbidas e necesidades.