Un total de 250 mozos e mozas participan hoxe no encontro xuvenil ‘Crea Interior’ que organiza a Xunta en Vila de Cruces

14 Abr 2012

VILA_DE_CRUCESO director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou esta iniciativa, posta en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar en colaboración co Concello da localidade

Céntrase en promover a creatividade e o emprendemento entre a mocidade nos concellos do interior

Os participantes compartirán experiencias sobre como emprender, as vantaxes do cooperativismo, ou o turismo activo no interior

Entre os poñentes, destacan o escritor Xosé Neira Vilas ou o cociñeiro Marco Varela

Vila de Cruces acolle hoxe o encontro xuvenil ‘Crea Interior’ que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, organiza en colaboración co Concello desta localidade. Así, un total de 250 mozos e mozas daranse cita nesta iniciativa, que leva como consigna “creatividade e emprendemento: o futuro dos concellos do interior nas mans da xuventude”.

Esta é a segunda das nove mostras sobre emprendemento xuvenil que conforman o programa “Conecta”, que está a levar a cabo a área autonómica de xuventude. Grazas a esta iniciativa, Vila de Cruces convértese hoxe na capital galega do emprendemento e a creatividade xuvenil durante esta xornada.

Así o destacou o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, na inauguración da iniciativa, que se enmarca no proxecto transfronteirizo Emprende, e conta coa colaboración de diferentes entidades tanto galegas como portuguesas. Ao acto tamén asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

A mostra acollerá relatorios, debates, ou espazos para a creatividade, o emprego e o emprendemento. As actividades da mañá terán lugar no auditorio municipal Xosé Casal, e as da tarde no pavillón municipal.

Durante o encontro, os participantes e os poñentes compartirán experiencias e a súa visión da situación actual da mocidade en vilas e concellos pequenos do interior de Galicia. Así, abordaranse temas sobre como emprender nos concellos, as vantaxes do cooperativismo, ou o turismo activo e de interior como oportunidade de futuro. Ademais, falarán sobre como os mozos e mozas poden emprender en tempos de crise ou de que maneira a participación xuvenil pode converterse nunha ferramenta emprendedora.

As ponencias complementaranse con diversas actividades paralelas, como a mostra do traballo de entidades xuvenís; ou espazos de creatividade sobre artesanía, música, son ou defensa persoal; de emprendemento, centrados no deseño de currículos, no simulacro de entrevistas de traballo ou no asesoramento para emprendedores; ou espazos sobre actividades de aventura, geocathing, ou rocódromo.

Poñentes
Durante a mañá, participarán, entre outros, o alcalde de Vila de Cruces e Xosé Neira Vilas, o autor do libro “Memorias dun neno labrego”, que rexistrou na súa obra unha importante presenza da xuventude rural.

Haberá tamén unha mesa redonda sobre como emprender nos concellos de interior. Nela participarán Eva González –titular da súa propia explotación gandeira-; Elena Ferro –moza artesá e zoqueira, que integra unha variante moderna e innovadora; María Hermida –directora de Finca de Mouriscade, un centro innovador no eido agrario-; e José Ramón Moire –un mozo emprendedor no eido do sector téxtil-.

Máis tarde, o técnico cooperativo Daniel Vega exporá a fórmula do asociacionismo agrario como modo de emprendemento e, por outra banda, o profesor na facultade de empresariais e turismo de Ourense e na UNED, José Antonio Rodríguez, abordará o potencial turístico dos concellos do interior como elemento impulsor da súa economía.

Ademais, o cociñeiro e chef executivo do Hotel Palacio de Sober, Marco Varela, levará a cabo un taller de cociña creativa.

Xa pola tarde, Javier Blanco –xerente do Bantegal-; Ramón García Sueiro –deportista de alto nivel e emprendedor no sector do ocio-; e José Luis Lamas –emprendedor e enxeñeiro agrónomo- tratarán a participación xuvenil como ferramenta de futuro.