Benestar oferta máis de 1.500 prazas para estadías de fin de semana multiaventura para mozos e mozas en Pontevedra

11 Abr 2012

BENESTARO director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presentaron hoxe a campaña nesta provincia

A iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado prolongarase ata setembro en sete instalacións distintas repartidas na provincia

En toda Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar ofertará 3.782 prazas neste programa

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, oferta un total de 1.518 prazas en estadías de fins de semana multiaventura na provincia de Pontevedra aos mozos e mozas galegos de entre 18 e 35 anos, no marco do programa ‘Roteiros’. A iniciativa prolongarase ata setembro en sete instalacións distintas repartidas na provincia galega.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presentaron hoxe a campaña na provincia. En toda Galicia a Consellería ofertará 3.782 prazas neste programa.

Na súa intervención, o director xeral indicou que as estadías inclúen aloxamento completo (desde o venres á tarde ata o domingo ao mediodía, agás ‘Roteiro en Sabucedo, no que os participantes entran o sábado e saen o domingo); a manutención neste período de tempo; o desprazamento cara as distintas actividades; e as propias actividades e os materiais necesarios.

Os participantes poderán realizar actividades náuticas como kaiak o bodyboard; de multiaventura, como escalada ou rutas en bicicleta; ou culturais, con visitas a museos; entre outras.

Os interesados en participar nesta iniciativa poderán facer a reserva da súa praza a través da chamada telefónica nos teléfonos 981 54 59 37/54 57 02/54 16 89/54 58 22 en horario de 09,00 a 14,00 horas de luns a venres.

Na provincia de Pontevedra as actividades terán lugar en Vilanova de Arousa, na Illa de San Simón, no Grove, no Covelo, Forcarei, na Estrada e Lalín.

O roteiro ‘Mare Nostrum’ desenvolverase no albergue xuvenil das Sinas, no concello de Vilanova de Arousa e ofrecerá aos 30 participantes por fin de semana actividades náuticas de kaiak, mergullo, banana acuática e padelboard; rutas en BTT e raid nordic walking.

O roteiro ‘Nautilus’ na emblemática Illa de San Simón ofrecerá durante tres fins de semana aos 20 participantes por quenda actividades náuticas moi variadas: ruta de kaiak por Cesantes e snorkel, wakeboard, xeocaptura e raid náutico.

‘Aventúrate no Salnés’ no Grove dará a oportunidade aos 22 participantes por fin de semana a realizar un roteiro cultural coa ruta das illas e das aves, con observación das aves acuáticas, unha visita ás maricadoras e aos lugares de interese da zona, percorrendo a ruta dos Lagarteiros e con veladas nocturnas de introdución á astronomía.

Pola súas banda, o roteiro ‘Lugar dos Devas’, no Covelo, posibilitará que as 32 persoas que participen por fin de semana realicen actividades de multiaventura como a gimkana con xeocaching, tiro con arco, tirolina, rocódromo e paint ball.

‘Terras de Montes’ no albergue xuvenil de Pontemaril, no Concello de Forcarei, ofrecerá 30 prazas por fin de semana, onde os participantes poderán realizar rutas de atv, escalada en rocódromo, paint ball, raid de orientación con GPS, rutas en BTT ou tiro con arco.

No concello da Estrada, no albergue de Sabucedo, desenvolverase o ‘Roteiro en Sabucedo’, no que durante oito fins de semana, os 26 participantes por quenda poderán disfrutar das actividades de puenting, rafting, escalada, tirolina e tiro con arco.

Finalmente, no concello de Lalín, o ‘Roteiro no Deza’, no albergue xuvenil Vicente Agulló de Mouriscade, os 32 participantes de cada fin de semana poderán realizar un roteiro cultural cunha visita a un museo etnográfico, coa asistencias a obradoiros de elaboración de pan, de cestaría; así como actividades de multiaventura como airsoft, tiro con arco e rutas en bicicleta.