A primeira Lei de Xuventude de Galicia garante a coordinación das políticas dirixidas á mocidade e aposta pola participación xuvenil

10 Abr 2012

CONSELLEIRAA conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, defendeu hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Xuventude

Unha das características máis salientables do proxecto da normativa é o cambio do actual modelo de participación xuvenil cara “un verdadeiro” sistema de representación da mocidade

O novo texto facilita a incorporación de todas as asociacións xuvenís ao Consello Asesor e Consultivo de Xuventude xa que se elimina o requisito actual polo que unha asociación non podía formar parte deste órgano sen contar co visto e prace das entidades preponderantes

O Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia, como instrumento de planificación plurianual, considérase un elemento de gran importancia para a toma de decisións a medio prazo e pasará a ter un carácter vinculante, xa que se deberá tramitar como acordo do Consello da Xunta

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, defendeu hoxe no Parlamento de Galicia o proxecto de Lei de Xuventude de Galicia, que responde a unha débeda pendente coa mocidade galega, xa que desde a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia no ano 1981, houbo varias tentativas de aprobar unha Lei para a xuventude, sen que chegasen a obter ningún resultado.

O proxecto da Lei de Xuventude de Galicia, promovido pola Consellería de Traballo e Benestar, garantirá a transversalidade administrativa das políticas da Xunta dirixidas á mocidade. O texto lexisla a acción unitaria de goberno e a coordinación dos diferentes departamentos da Administración á hora de poñer en práctica medidas que afecten á xuventude. Esta planificación das políticas de mocidade efectuarase a través da elaboración en cada lexislatura dun Plan Estratéxico de Xuventude, que pasará a ter un carácter vinculante, xa que se deberá tramitar como acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Nesta materia, é necesario reforzar a transversalidade e coordinación das políticas públicas destinadas á xuventude. Deste xeito, o proxecto de Lei conta con dez eixos básicos vinculados ás directrices europeas en materia de xuventude e que deben ser potenciados a través da coordinación entre todos os axentes implicados. Estes eixos relaciónanse coa educación; emprego; creatividade e espírito emprendedor; vivenda; saúde e deporte; participación e asociacionismo; voluntariado; información e formación; mobilidade e turismo xuvenil; e dinamización lingüística.

Unha das características máis salientables do proxecto de Lei de Xuventude de Galicia é o cambio do actual modelo de participación xuvenil cara “un verdadeiro” sistema de representación da mocidade. O texto propón a creación do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, un órgano colexiado, independente e aberto a todas as asociacións xuvenís e grupos informais de mozos e mozas, que reforza e impulsa a participación da mocidade e da sociedade civil nos temas de interese para a xuventude.
Precisamente, o novo texto facilita a incorporación de todas as asociacións xuvenís ao Consello, xa que se elimina o requisito actual polo que unha asociación non podía formar parte deste órgano sen contar co visto e prace das entidades preponderantes. Tamén se facilita e se promove a creación dos consellos locais de xuventude, co obxectivo de achegar o novo modelo de participación e dar máis protagonismo aos concellos.

Ademais de fomentar a participación xuvenil, o proxecto tamén dota de máis competencias ao Consello, ao asumir este as funcións do Observatorio Galego de Xuventude, que na actualidade depende directamente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

O texto tamén contempla a creación da Escola Galega de Xuventude como órgano especializado na educación non formal relacionada coa mocidade.

Maior coordinación
Outra das características desta Lei é a creación do Instituto Galego de Xuventude como órgano técnico especializado, adscrito ao departamento competente, e que terá como misión a materialización dos principios de información á xente nova, formación continua en materia de mocidade e asesoramento técnico en políticas públicas de xuventude. A posta en marcha do Instituto non suporá a creación dun novo ente administrativo, senón que será unha configuración orgánica co nivel de subdirección xeral.

Achegas da sociedade
Máis de 1.500 persoas, na súa gran maioría mozos e mozas de asociacións e grupos informais, participaron nos 39 foros de debate e encontros organizados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, para difundir e debater o texto do proxecto de Lei de Xuventude de Galicia.

Ademais, a información sobre esta Lei foi tamén enviada a todos os concellos da Galicia, ás asociacións xuvenís, ás escolas de tempo libre, aos 20.000 mozos e mozas da base de datos de usuarios dos programas de Xuventude e aos 6.000 seguidores dos perfís da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado nas redes sociais Facebook, Tuenti e Twiter.