A Consellería de Sanidade pon en marcha a realización das probas rápidas de detección do VIH

20 Xun 2011

VIHDende o dia de hoxe luns, a Consellería de Sanidade vai poñer en marcha, nos centros Quérote+ da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e nalgunhas asociacións antisida, o proxecto de realización das probas rápidas de detección do VIH.

O que Sanidade pretende con esta medida é diminuír o retraso diagnóstico do VIH en poboacións con prácticas de risco, e que non acoden con frecuencia ao sistema sanitario, facilitando, ademais, o acceso ao diagnóstico definitivo e ao tratamento antirretroviral. Xunto con todo o anterior, téntase incrementar as prácticas preventivas nas persoas que acoden a realizar a proba.

En consecuencia, estas probas, que dende mañá pon en marcha a Administración sanitaria galega, están destinadas a facilitar a detección polo VIH en persoas de 16 anos en diante, con prácticas de risco altas, que non foron diagnosticadas previamente.

Preferentemente, ofertaráselle a persoas que manifesten prácticas de risco sexuais, así como prácticas de compartir materiais para inxectarse drogas. Son pois, un complemento das probas estándar, e conseguen que se poida obter, nun prazo de 20 a 40 minutos, un primeiro resultado que deberá ser confirmado, posteriormente, cunha proba diagnóstica de laboratorio.

As características destas probas rápidas fan posible que non teñan que realizarse dentro da estrutura do sistema sanitario, senón que se poden facer en diferentes entidades, como é o caso dos centros de informacion sexual ou as asociacións antisida.

As probas se realizarán sobre unha mostra de fluído oral do interesado, xa que permite unha recollida da mostra moi sinxela.

So o persoal das entidades colaboradoras que estea acreditado será o autorizado para a realización da proba rápida do VIH. Deste xeito, a Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, facilitará ás entidades colaboradoras, de modo gratuito, as probas rápidas de VIH en fluído oral.

O proceso da proba inclúe, necesariamente, tres procesos, entre os que están, o consello asistido e consentimento previo á realización da mesma; a realización da proba rápida en fluído oral segundo as especificacións técnicas do produto; e, ademais, o consello asistido posterior a levala a cabo.

Se a persoa non é reactiva, reforzarase o consello asistido sobre prácticas seguras. Se a persoa é reactiva, procederase a recomendar a necesidade de establecer un diagnóstico de certeza e, se está de acordo, derivarase a un centro sanitario. Xunto con todo o anterior, remarcaranse os beneficios dun control e tratamento precoz, e a necesidade de adoptar prácticas seguras para evitar a reinfección e a transmisión a outras persoas.

Sinalar, así mesmo, que a proba será totalmente gratuita para as persoas solicitantes da mesma.

Importancia do diagnóstico precoz
Sanidade lembra que un dos piares básicos da loita contra a sida é a detección precoz dos novos casos de infección VIH. Asemade, o diagnóstico precoz ofrece a posibilidade de beneficiarse da terapia antirretroviral nas etapas precoces da infección, así como modificar as condutas que favorecen a transmisión do virus a outras persoas.

As probas rápidas de detección do VIH ofrecerán, ademais da vantaxe de facilitar unha detección precoz, a posibilidade de chegar a colectivos con escaso contacto cos servizos de saúde ou reticentes a acudir a eles. Deste xeito, as probas rápidas poden ter un importante atractivo para estas persoas, pola accesibilidade dos lugares onde se fan e a inmediatez de resultados que proporcionan.

Sinalar, por último, que as entidades colaboradoras e lugares onde se poderá solicitar a proba rápida anónima de VIH en fluído oral, a partir de mañá, son; Centros Quérote+ de Santiago, Lugo, A Coruña, Vigo, Ferrol e Ourense; CCANVIHAR (Asociación cidadán de loita contra o VIH e a sida (Vigo); Lazos Pro Solidariedade (Ferrol), Comité Antisida de Coruña Casco (A Coruña), Colega Galicia (A Coruña e Santiago), Comité Cidadán Antisida de Ourense, Comité Cidadán Antisida Galego (Santiago), e ONGD Ecos do Sur (A Coruña).