O Xuventude.Novas deste mes explica o Plan de Emprego Xuvenil e entrevista os primeiros premios do Xuventude Crea de poesía e de banda deseñada

03 Mar 2014

portada_febreiroO boletín interactivo da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, Xuventude.Novas, debulla na súa edición de febreiro as principais medidas do novo Plan de Emprego de Xuvenil aprobado pola Xunta. Con carácter transversal, implicando a diversos departamentos da administración autonómica, este plan investirá preto de cen millóns de euros e beneficiará a máis de 95.000 persoas. O principal esforzo das súas dezanove grandes medidas será facilitar a empregabilidade dos menores de 30 anos cunha cualificación académica escasa ou nula.

 Xuventude.Novas continúa neste número coa serie de entrevistas aos primeiros premios das distintas categorías do certame de creación artística Xuventude Crea. Nesta ocasión, o espazo é para Diego Campos, premio en banda deseñada, e para Alba Cid e Olalla Tuñas, que compartiron o premio de poesía. Os tres reflexionan nas conversas sobre a creatividade e sobre o futuro das disciplinas que practican.

 Outra reportaxe da edición deste mes é a dedicada ao concurso de debate Parlamento Xove. Tras a celebración das fases preliminares, xa se coñece que equipos se confrontarán na final dos días 25 e 26 de abril, no Parlamento de Galicia. Na categoría de ESO escolleuse como tema as consecuencias da irrupción das novas tecnoloxías nos hábitos de lectura. Na de Bacharelato, os equipos argumentarán sobre as friccións entre a seguridade dun país e o dereito á intimidade dos cidadáns.

 Ademais, Xuventude.Novas reserva un espazo para a Iniciativa Xove da entidade Sustinea. O programa da dirección xeral apoiou a realización dunhas xornadas sobre educación ambiental en Muíños, que destacaron por aplicar nocións de espírito empresarial e por darlle unha perspectiva creativa á materia.

 Outra reportaxe desta edición está dedicada ao deporte do skate, que cada vez conta con máis infraestruturas para a súa práctica en Galicia. Na información danse unha serie de orientacións e consellos para quen queiran iniciarse nesta modalidade e indicacións sobre a eleccións dos materiais.

 Dúas relevantes novidades musicais que chegarán nas vindeiras semanas, os novos discos de Novedades Carminha e Vetusta Morla, e a habitual axenda de espectáculos musicais completan este número de Xuventude.Novas.

Descarga o Xuventude Novas

 Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana