«Ciencia á Feira» fomenta a cultura científica pola provincia de Lugo

09 Feb 2024

O grupo XuvenCiencia aproveitará a rede de mercados tradicionais para desenvolver as actividades programadas no marco do proxecto, segundo se indicou na presentación deste innovador proxecto interxeracional. Ciencia á Feira desenvólvese nos concellos de Burela, Muras, Friol, Sober, A Pobra do Brollón, O Incio, Mondoñedo e Navia de Suarna.

As actividades incluídas —obradoiros tanto nos centros escolares como en locais municipais, para a poboación adulta—, no proxecto, que botará a andar xa no mes de outubro, faranse coincidir co día de feira, mercados aos que XuvenCiencia acudirá co seu propio posto para realizar tamén divulgación e repartir trípticos.

‘Ciencia á Feira’ é un proxecto de divulgación informal da ciencia que tira proveito de estruturas fortemente asentadas no medio rural: a escola, os concellos, as asociacións e os colectivos veciñais e, por suposto, as feiras, que funcionan como espazos seculares para a actividade económica, pero que tamén desempeñan un papel crucial de socialización, encontro e intercambio de información. As feiras e os mercados celébranse de xeito periódico en datas que son coñecidas por todos os habitantes da contorna e que funcionan como reclamo de seu. Estes actos sociais teñen a súa orixe na sociedade labrega, pero manteñen a súa vixencia no mundo contemporáneo.

O programa de ‘Ciencia á Feira’ presentará tres accións sobre tres eixes temáticos que desde XuvenCiencia consideran relevantes na provincia de Lugo no contexto actual de quecemento global e cambio climático: as enfermidades transmitidas por carrachas, a xestión sustentable da augua e as micorrizas e microenxertos como ferramentas de produción vexetal.

O coñecemento das enfermidades transmitidas por carrachas e das chaves para a súa prevención: patoloxías causadas por este tipo de ácaros, cuxa incidencia resulta crecente na provincia de Lugo, tal é como é a enfermidade de Lyme. A descrición de cando e onde son máis habituais as carrachas, o protocolo para a súa correcta extracción, as medidas de prevención e como actuar unha vez que se produciu a picada, constitúen o obxectivo desta actividade, na que colaborará o Sergas a través da participación dun médico internista do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo.

Outra das temáticas vertebrais de ‘Ciencia á Feira’ é a xestión sustentable da auga. O ciclo da auga, a pegada hídrica e a xestión deste recurso en Galicia serán os contidos incluídos nos obradoiros, nos que se darán a coñecer modelos de xestión de auga doméstica racionais e con que materiais se pode realizar.

A utilidade histórica dos enxertos para a produción de froitos nas árbores e o concepto de microrriza e a súa función propiciarán outras das explicacións previstas neste proxecto, durante o que se desenvolverá un microenxerto in vitro de castiñeiro empregando como patrón un híbrido resistente á enfermidade da tinta que afecta a esta árbore.

Máis información

https://xuvenciencia.org/

https://xuvenciencia.org/portal/xestion-sustentable-da-auga-en-galicia/