Un total de 40 persoas participarán este verán no Programa de Voluntariado Ambiental da Xunta na comarca do Salnés

17 Xul 2012

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe o campo de traballo situado no Mirador da Pastora, en Cambados, onde asistiu a unha clase práctica de botánica autóctona

Os voluntarios que participen neste programa realizarán tarefas de vixilancia disuasoria para a prevención de incendios forestais, en coordinación co Distrito Forestal de CaldasVOLUNTARIADO

Os voluntarios que participen no programa obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida

Un total de 40 mozos e mozas participarán na comarca do Salnés no programa de Voluntariado Ambiental, posto en marcha este verán pola Consellería de Traballo e Benestar e a Consellería de Medio Rural. A iniciativa desenvolverase principalmente nos montes Xiabre (Vilagarcía), Castrove (Poio), Lobeira (Vilanova) e Pastora (Cambados).

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe as actividades que se están a realizar no Mirador da Pastora, en Cambados, onde os voluntarios están a aprender a distinguir as especies autóctonas e alóctonas, así como as plantas que poderían ser utilizadas para facer un cortalumes en caso de ser necesario.

Ademais, os voluntarios que participen neste programa realizarán tarefas de vixilancia disuasoria para a prevención de incendios forestais, en coordinación co Distrito Forestal de Caldas. Ao tempo, os participantes recibirán formación en botánica, cartografía e prevención de incendios.

O programa de Voluntariado Ambiental ten como obxectivo principal sensibilizar a través da participación cidadá da necesidade de conservar o noso patrimonio natural, ao tempo que os voluntarios adquiren os criterios e coñecementos básicos sobre prevención, información e vixilancia contra os incendios forestais.

Está concibido como un campo de traballo e desenvolverase en quendas de 5 días, a celebrar os meses de xullo e agosto en toda Galicia, nas que grupos de 8 voluntarios e voluntarias, xunto cun monitor, realizarán as diferentes actividades, ata un total de 800 accións voluntarias.

A iniciativa inclúe aloxamento e pensión completa nun albergue, o desenvolvemento das diferentes actuacións e o seguro de responsabilidade. Os emprazamentos onde terán lugar as actividades son, ademais de Cambados, Santiago, Allariz, Celanova e Riós.

Cores Tourís destacou a labor destes rapaces e rapazas recordando a importante experiencia do voluntariado, “unha actividade que se conforma como unha parte activa da recuperación e conservación dun patrimonio medioambiental moi relevante para a nosa sociedade como son os nosos montes e a noso campo”.

Neste programa de Voluntariado Ambiental tamén se inclúen os campos de traballo que se desenvolven nas Illas Cíes. Neste caso os voluntarios, que veñen de Galicia, da emigración, do resto de España e de diferentes países de todo o mundo, realizan intervencións en materia ambiental, como labores de mantemento dos camiños peonís da illa, vixilancia de incendios, control de flora e fauna non autóctona e labores de información e sensibilización do visitante. En total serán catro os campos de traballo internacionais que teñen lugar nas Illas Cíes en xullo e agosto, cun total de 120 prazas destinadas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de idade.

Os voluntarios que participen no programa, que promoven as consellerías de Traballo e Benestar e de Medio Rural, obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrito como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Labor da Policía Autonómica
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou o acto para recordar a importante labor que están a desenvolver tamén os traballadores da Xunta que se dedican a loitar contra o lume, os membros do exército, bombeiros e vixiantes, así coma a Policía Autonómica. “En concreto, en relación aos axentes autonómicos, en época estival incrementarase o número de policías destinados á prevención e investigación de incendios, cun total de 206 dos 350 que a conforman”.

Cores Tourís quixo destacar a boa labor que están a desenvolver estes axentes, xa que lograron deter a máis de 90 persoas por incendios forestais ata o mes de xullo en Galicia, “o dobre que en 2011. Esto ven a demostrar que que a loita contra os incendios forestais e os incendiarios é unha das prioridades da Xunta de Galicia”.