Benestar oferta este verán máis de 700 prazas de campamento en Forcarei, para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos

10 Xul 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitaron hoxe este campamento

As actividades da Campaña de Verán na provincia de Pontevedra ofertan un total de 1.755 prazas

Os campos de traballo da provincia de Pontevedra desenvólvense nas Illas Cíes en xullo e agosto, cun total de 120 prazas en catro quendas destinadas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de idade forcarei

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, oferta un total de 720 prazas ao longo do verán no campamento xuvenil de Pontemaril, en Forcarei (Pontevedra).

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitaron hoxe este campamento que conta con dúas actividades diferenciadas: ‘A miña primeira aventura’ e ‘Aventura na natureza’.

No marco de ‘A miña primeira aventura’ desenvolveranse actividades de sendeirismo, rutas ecolóxicas, bicicleta de montaña, baloncesto, piscina, rocódromo e actividades socioculturais. Haberá tres quendas ao longo do verán.

Para ‘Aventura na natureza’ haberá tamén tres quendas nas que as persoas participantes poderán facer actividades de sendeirismo, rutas ecolóxicas, bicicleta de montaña e outras actividades deportivas, baloncesto, piscina, rocódromo e convivencias de animación sociocultural.

As actividades da Campaña de Verán na provincia de Pontevedra ofertan un total de 1.755 prazas. Os campamentos nesta provincia para menores de 18 anos teñen lugar en tres instalacións: no albergue xuvenil de As Sinas, en Vilanova de Arousa e nos campamentos de Pontemaril, en Forcarei, e da Illa de Ons.

Os mozos e mozas están en réxime de manutención en pensión completa e contan co material necesario para cada unha das actividade, que están dinamizadas por un equipo técnico de monitores especialistas na xestión do ocio e do tempo libre. As persoas participantes tamén dispoñen de atención sanitaria de primeiros auxilios e gozan dun seguro de accidentes e responsabilidade civil.

A Campaña de Verán de Xuventude tamén oferta actividades para maiores de 18 anos. No caso de Pontevedra, estas actividades terá lugar na Ría de Vigo, cunha oferta baseada na realización de diferentes rotas en kaiak de mar visitando a Illa de San Simón, Ponte Sampaio, San Adrián de Cobres, Rande e outros lugares de interese patrimonial e natural.

Noutras zonas de Galicia, as actividades tamén terán lugar nos contornos das cidades da Coruña e Ferrol, na Costa da Morte, na Serra do Xurés, na Ribeira Sacra ou na Mariña Lucense.

En canto aos campos de traballo, na provincia de Pontevedra desenvolveranse nas Illas Cíes durante xullo e agosto, cun total de 120 prazas en catro quendas destinadas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de idade. Os participantes, que veñen de Galicia, da emigración, do resto de España e de diferentes países de todo o mundo, poden colaborar nos traballos de protección medioambiental e dinamización turística que se levan a cabo no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Nesta Campaña de Verán a Xunta de Galicia oferta na totalidade da comunidade máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo. O orzamento total desta iniciativa ascende a preto de 2,4 millóns de euros. Este investimento permite que as empresas de ocio e tempo libre poidan contratar este verán a máis de novecentos monitores, na súa gran maioría xente nova.

O galego volverá campar este verán
A secretaria xeral de Política Lingüística, dirixida por Valentín García, e mais a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizan para este verán unha nova edición do programa de dinamización lingüística nos campamentos de verán O galego campa!, no marco do que fornecerán, por segundo ano consecutivo, ao monitorado de materiais e recursos destinados a promover o uso do galego na xuventude.