Aberto o prazo de inscrición para o Servizo de Voluntariado Xuvenil de Benestar que pode beneficiar a 1.000 mozos e mozas

02 Xul 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe o XV Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia

O Servizo de voluntariado xuvenil incorpora ás entidades e concellos que están inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria a mozos e mozas para a súa colaboración na realización de proxectos de voluntariadoVOLUNTARIADO

A Consellería de Traballo e Benestar xa ten aberto o prazo de inscrición para o programa ‘Servizo de voluntariado xuvenil’ que permitirá incorporar a 1.000 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos nos diferentes plans organizados polas entidades, concellos, e mancomunidades que desexen participar na iniciativa.

O departamento autonómico destinará máis de 210.000 euros a esta actividade e serán subvencionables os proxectos presentados sempre que sexan desenvolvidos por un máximo de 8 mozos ou mozas de idades comprendidas entre os 18 e 30 anos.

Así o indicou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, na inauguración do XV Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia, que tivo lugar en Carballiño (Ourense).

Na súa intervención explicou que o Servizo de voluntariado xuvenil consiste en incorporar ás entidades, concellos e mancomunidades que están inscritos no rexistro de entidades de acción voluntaria a mozos e mozas galegos para a súa colaboración como voluntarios. Trátase dunha iniciativa experimental que se basea na posta en marcha en paralelo dunha bolsa de persoas voluntarias e unha de proxectos de voluntariado co obxectivo de poñer en contacto as dúas bandas.

Os proxectos deberán centrarse nalgunha das seguintes áreas: actividades relacionadas co Camiño de Santiago; de recuperación da cultura, arte, ou tradicións populares galegas; de axuda a colectivos en situación de risco; de actividades xuvenís; ambientais; relacionadas co Ano europeo do envellecemento activa e da solidariedade interxeracional 2012; ou vinculadas coa igualdade de xénero.

Estes proxectos de acción voluntaria deberán ter unha duración comprendida entre os 15 e os 60 días. Ao finalizar os mesmos, as persoas que participaron neles poderán obter da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo, que se inscribirá no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

A posibilidade da emisión das certificacións oficiais das experiencias adquiridas a través do exercicio do voluntariado está recollida na nova Lei Galega de Acción Voluntaria, que foi aprobada por unanimidade do Parlamento Galego a finais de 2011

O Voluntariado Xuvenil, unha iniciativa novidosa, pioneira e experimental a nivel de todo o Estado, é una das liñas estratéxicas do III Plan Galego de Voluntariado 2011-2014, que foi consensuado cos axentes do terceiro sector na comunidade.