Máis de 50 persoas xa están inscritas nun programa de voluntariado destinado a acompañar ás persoas con alzheimer

26 Xun 2012

A dirección xeral de Xuventude e Voluntariado e a secretaría xeral de Política Social colaboran nesta iniciativa, que ten como obxectivo mellorar a calidade da vida das persoas que padecen esta enfermidade

Os interesados poderán colaborar en centros ou con entidades de A Coruña, Ferrol, Cabanas, Oleiros, Ribeira, Santiago de Compostela, Burela, Lugo, Castro de Rei, Viveiro, Quiroga, Ourense, Bande, Barbadás, Larouco, Lalín, Moaña e Vigo; así como na comarca do Morrazo

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado e a secretaría xeral de Política Social, vén de poñer en marcha un programa de voluntariado destinado a acompañar ás persoas con alzheimer. Actualmente, xa se inscribiron no mesmo máis de 50 persoas.

Esta actividade –que se inscribe na celebración este 2012 do Ano galego do alzheimer- ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas que padecen esta enfermidade, así como a das súas familias e coidadores.

O programa permitirá aos cidadáns ter un maior coñecemento e solidariedade de cara ás persoas con alzheimer. Pola súa banda, os enfermos poderán gozar da compañía doutras persoas, o que lles permitirá mellorar o seu estado de ánimo, ao tempo que lles proporciona unha axuda de gran valor ás súas persoas coidadoras.

As persoas voluntarias, polo tanto, realizarán fundamentalmente funcións de acompañamento en distintos centros. Estarán dirixidos por un profesional e contribuirán a que os usuarios participen nas diversas actividades que se organicen nestas instalacións, a apoialos na súa mobilidade, a axudalos a realizar as actividades da súa vida cotiá e a ocupar o seu tempo libre.

Os voluntarios e voluntarias poderán realizar tamén as súas tarefas con enfermos que viven nos seus propios domicilios, proporcionándolles acompañamento e apoiando aos seus coidadores habituais, sempre e cando estes estean interesados en recibir este servizo.

En concreto, os interesados poderán colaborar con centros e residencias de A Coruña, Ferrol, Cabanas, Oleiros, Ribeira, Santiago de Compostela, Burela, Lugo, Castro de Rei, Quiroga, Viveiro, Ourense, Bande, Barbadás, Larouco, Lalín, Moaña, e Vigo. Ademais, tamén poderán colaborar en acompañamento domiciliario con asociacións de Ferrolterra, Ourense e o Morrazo.

Os interesados neste programa poden inscribirse a través dun formulario que está dispoñible na páxina web www.voluntariadogalego.org.