Mato destaca en Narón “o enriquecemento cultural e formativo” que proporcionan á mocidade iniciativas de intercambio xuvenil como os campos de traballo

26 Ago 2011

CAMPOSA conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitaron hoxe o campo de traballo da localidade coruñesa

A titular do departamento autonómico resaltou os programas de mobilidade da Xunta que forman parte da Estratexia para a Xuventude 2010-2013

A Xunta ofertou un total de 8.000 prazas destinadas á mocidade en accións de mobilidade en 2010

Mato indicou que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha un proxecto propio de mobilidade: ‘Xuventude no Mundo’ e explicou que é a cuarta rexión con maior número de proxectos aprobados no marco de ‘Xuventude en Acción’, que xa beneficiou a 1.000 persoas

A conselleira de Traballo e Benestar, destacou a importancia de poñer en marcha campos de traballo e campamentos dirixidos á mocidade, xa que explicou que os valores que nestas iniciativas se transmiten axudan aos participantes a adquirir “novas habilidades e coñecementos”.

A titular do departamento autonómico indicou, así,- no transcurso da visita que realizou hoxe ao campo de traballo de Narón- que, entre outros valores, estas actuacións proporcionan “un enriquecemento cultural e formativo” aos mozos e mozas.

“A aposta da Xunta polos campamentos e campos de traballo, enmarcada nas nosas políticas de xuventude, ten que ser entendida como unha oportunidade para que a mocidade galega amplíe horizontes e gañe habilidades dento das vías non formais”, apuntou.

Nesta aposta do Goberno galego por esta iniciativa, a Consellería de Traballo e Benestar ofertou este verán un total de 260 prazas en campos de traballo que se desenvolveron ou se están a realizar na actualidade, como é o caso de Narón. Ademais, a esta cifra súmanse os 400 mozos e mozas que se beneficiaron de programas de intercambio noutras comunidades.

No campo de traballo de Narón, especializado en ornitoloxía, están a participar un total de 16 voluntarios. O obxectivo principal da actuación é que os mozos e mozas aprendan os procesos migratorios das aves ou a coñecer os censos de especies acuáticas, entre outros.

No eido da mobilidade, a conselleira resaltou que a Estratexia para a Xuventude 2010-2013 inclúe numerosas accións destinadas á mobilidade xuvenil ou ao intercambio de experiencias culturais.

Neste senso, sinalou que a Xunta ofertou en 2010 preto de 8.000 prazas a través de algún programa de mobilidade. Como exemplo, Mato expuxo que a Consellería de Traballo e Benestar foi o primeiro executivo autonómico en poñer en marcha o proxecto propio de mobilidade ‘Xuventude no Mundo’, un programa destinado a fomentar a aprendizaxe e aplicación doutras linguas, coñecemento doutras formas de vida e reforzo da autonomía persoal a través da oferta de estancias dunha semana en 7 países europeos. Desta iniciativa beneficiáronse ao longo de 2010 ao redor de 200 mozos e mozas.

Así mesmo, Mato explicou que o departamento autonómico tamén puxo en funcionamento o programa Mogal 2010-2011, que chegará este ano a preto de 200 persoas, que poderán realizar prácticas laborais en 5 países europeos.

Por último, a conselleira lembrou que Galicia é a carta comunidade autónoma con maior número de proxectos aprobados no marco de ‘Xuventude en Acción’, unha actuación da que xa se beneficiaron 1.000 persoas.

Campos de Traballo
As 260 prazas ofertadas pola Xunta en campos de traballo este verán están distribuídas en 11 quendas e sete campos de traballo distintos, o que supón aumentar en 40 as prazas dispoñibles con respecto ao ano anterior. Estas prazas van dirixidas a mozos e mozas galegos, doutras comunidades autónomas e, cando o campo de traballo é internacional, para a mocidade de países estranxeiros.

As actividades comezaron en xullo coa celebración do campo de traballo de Cabana de Bergantiños. En agosto están a ter lugar en distintas quendas un total de dez campos de traballo, ademais de en Narón, nas Illas Cíes; en Rois (A Coruña); Palas de Rei (Lugo); Vilar de Barrio (Ourense) e Ourense.

Ademais, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ofertou prazas á mocidade galega en campos de traballo doutras comunidades autónomas, en concreto, da Rioxa, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Ceuta, Estremadura, Madrid, Melilla, Navarra, País Vasco e Valencia.

Ofertáronse tamén prazas en campos de traballo de 19 países: Alemaña, Armenia, Austria, Corea do Sur, Estonia, Francia, Grecia, Islandia, Italia, Lituania, Marrocos, México, República Checa, Rusia, Serbia, Taiwan, Turquía, Ucraína e Xapón.