A Xunta difunde o borrador do Libro Branco da Xuventude en España entre a mocidade galega para que fagan as súas achegas

15 Xun 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, tomou parte hoxe nun foro aberto de debate que tivo lugar en Santiago de Compostela

Ademais, este documento foi remitido ás oficinas municipais de información dos concellos, a todas as entidades e asociacións xuvenís, e aos máis de 32.000 mozos e mozas usuarios dos programas de xuventudelibro_blanco

A nova Lei de Xuventude de Galicia, aprobada recentemente no Parlamento, recolle coma un dos seus obxectivos principais a mellora da participación xuvenil

A Consellería de Traballo e Benestar está a difundir entre a mocidade galega o borrador do Libro branco da Xuventude en España 2020. O obxectivo é recoller as suxestións e preocupacións da mocidade galega ante o seu futuro para que sexan tidas en conta neste documento.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, tomou parte esta tarde nun foro aberto de debate que tivo lugar en Santiago de Compostela para abordar este asunto. Neste encontro, os participantes puideron facer as súas suxestións e alegacións.

Ademais deste foro, o departamento autonómico tamén remitiu esta estratexia ás oficinas municipais de información dos concellos, a todas as entidades e asociacións xuvenís e aos máis de 32.000 mozos e mozas usuarios dos programas de xuventude. Tamén se abriu unha liña de debate sobre este texto nos perfís das rede sociais da Dirección xeral de Xuventude, que contan con máis de 8.000 seguidores.

O borrador do Libro branco ten como obxectivo “redefinir e orientar as estratexias de traballo para toda unha nova xeración de mozos e mozas a partir da análise da evolución das políticas de xuventude e das súas condicións socioculturais, co fin de acertar nas estratexias que permitan mellorar as condicións de vida e de futuro deste colectivo”, explicou Rodeiro.

Para lograr este obxectivo, é “imprescindible” contar coa opinión da mocidade, como “actores principais á hora de decidir as políticas públicas que temos que deseñar e executar”. Neste sentido, o director xeral explicou que Galicia xa ten dado “os primeiros pasos” neste sentido, dado que a nova Lei de Xuventude de Galicia, aprobada recentemente no Parlamento galego, recolle como un dos seus obxectivos principais “mellorar e fortalecer a participación xuvenil coa creación do Consello asesor e consultivo da xuventude de Galicia”.