A Xunta de Galicia destaca o labor dos Correspondentes Xuvenís na difusión de información de interese para a mocidade

28 Mai 2018

Un grupo de 21 estudantes deste instituto ferrolán manteñen ao día aos seus compañeiros de aula sobre programas, bolsas de axuda, ofertas de emprego, acción de ocio e tempo libre e outros asuntos que poden ser de interese para eles.

O equipo de Correspondentes Xuvenís son María, Tomás, Roi Carlos, Adriana, Andrea, Pablo, Carlos, José María, Sofía, Roberto, Bruno, Inés, Lucía, Lucía, Martín, Guillermo, Nadia, Iago, Pablo Aníbal, Lucía e Ana

En Ferrol participan nesta iniciativa os IES Sofía Casanova e Saturnino Montojo, ademais do CIFP Rodofo Ucha e o Colexio La Salle

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado recoñece esta experiencia de voluntariado entregando a cada correspondente un certificado ao remate do curso escolar

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, compartiu parta da xornada desta mañá co alumnado do Instituto de Educación Secundaria (IES) Sofía Casanova de Ferrol que participa no programa Correspondentes Xuvenís 3.0 da Xunta de Galicia. Rey Varela estivo acompañado da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, e o obxectivo deste encontro foi o de poñer en valor o traballo como antenas informativas que realizan de maneira voluntaria estes mozos e mozas para difundir nos seus centros de ensino programas e información de interese xuvenil.

No IES Sofía Casanova o grupo de correspondentes está formado por 21 persoas, que son as encargadas de informar aos seus compañeiros de aula, amizades e coñecidos de convocatorias, recursos e programas que poidan ser do seu interese. O conselleiro salientou a importancia da dinamización da información xuvenil dentro do propio sistema educativo e que sexan os alumnos e alumnas os que se ocupen desta tarefa, o que permite “ter unha rede de difusión da información dirixida á xente nova realmente eficaz”, apuntou.

Nesta liña, o titular de Política Social engadiu que a colaboración dos correspondentes, co apoio do profesorado, “é fundamental para que a xuventude galega coñeza os programas, actividades e todas aquelas cuestións que lle poden ser de interese, unha función que é chave para facilitar a participación da xente nova nas accións que impulsa a Administración autonómica”.

Así mesmo, Rey Varela sinalou que esta iniciativa “ademais de propiciar a participación da mocidade constitúe tamén unha aposta pola educación non formal, posto que os correspondentes adquiren competencias relacionadas co liderado, así como con habilidades comunicativas e sociais; ao tempo que fomentan valores positivos como a solidariedade e o voluntariado”.

O programa Correspondentes Xuvenís 3.0 no presente curso escolar conta con 618 participantes no conxunto de Galicia, ao redor de un centenar máis que na edición anterior. Son mozos e mozas que estudan segundo ciclo de secundaria, bacharelato ou ciclos medios e superiores de formación profesional. En Ferrol, ademais dos 21 estudantes do IES Sofía Casanova, participan tamén o IES Saturnino Montojo con 23 correspondentes, o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Rodolfo Ucha con dous e o Colexio La Salle con outros dous.

Os correspondentes xuvenís reciben información de xeito periódico desde o Centro coordinador de información xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, así como dos Espazos Xove da súa zona, sobre aqueles temas que poden ser de interese para os mozos e mozas como os propios programados pola Dirección Xeral, bolsas de axuda, ofertas de emprego, enderezos e recursos de interese, aloxamentos xuvenís ou ocio e tempo libre. Unha vez recollida a información, os correspondentes a difunden entre os seus compañeiros a través de diferentes medios como taboleiros no propio centro educativo, blogs ou redes sociais.

A Xunta recoñece o tempo que estes correspondentes dedican a esta actividade mediante un certificado expedido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ao remate do curso escolar. Ademais, os participantes neste programa reciben de maneira gratuíta o Carné Xove, así como aqueles outros carnés destinados á mocidade.