A Xunta escoita as experiencias de 25 mozos e mozas do IES Portovello de Ourense como Correspondentes Xuvenís 3.0

07 Mai 2018

O alumnado que colabora como correspondente é unha peza clave para acadar a efectividade dos programas da Administración autonómica xa que actúa como mediador entre iguais, o que facilita un mellor coñecemento das iniciativas.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse con 25 mozos a mozas do IES Portovello en Ourense para coñecer de primeira man a súa experiencia como Correspondentes Xuvenís 3.0, é dicir, como voluntarios da rede de ‘antenas’ informativas que a Xunta dispón nos centros de ensino de toda Galicia para difundir os programas e as novas de interese xuvenil.

Para Xuventude, o alumnado que colabora como Correspondente é unha peza clave para acadar a efectividade dos programas xa que actúa como mediador entre iguais, o que facilita un mellor coñecemento das iniciativas e unha mellor acollida por parte dos compañeiros ao sentirse máis identificados coa temática cando non é un adulto o que informa. Estes voluntarios dinamizan a rede informativa tanto de programas propios da Dirección Xeral como de bolsas de axudas, ofertas de traballo, recursos e direccións de interese, aloxamentos xuvenís ou ocio e tempo libre.

Cecilia Vázquez agradeceu o traballo dos mozos e mozas así como dos profesores que os coordinan “xa que son un eixo fundamental para dispor de redes verdadeiramente operativas”, sostivo, á vez que lembrou que a iniciativa inclúese no marco da educación non formal “ao fomentar a participación dos Correspondentes, que adquiren valores como a solidariedade pero tamén habilidades comunicativas, sociais e de liderado”. A responsable autonómica lembrou que a Xunta recoñece o seu tempo como voluntarios mediante a expedición dun certificado ao remate do curso escolar.

Forman parte da rede galega de Correspondentes un total de 618 mozos e mozas, estudantes do segundo ciclo da ESO, bacharelato ou ciclos medios e superiores de formación profesional, e cada ano se animan máis como reflicte o 13% do crecemento do número de voluntarios desde o curso pasado. En Ourense, ademais do IES Portovello, participan tamén os IES de A Farixa e o CPR Divina Pastora.