Formación de monitorado inclusivo

03 Mai 2018

 

A Consellería de Política Social a través das Direccións Xerais de Xuventude, Participación e Voluntariado e de Maiores e Persoas con Discapacidade, en colaboración co Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (INGADA) e a Rede de Ocio Inclusivo de Galicia, organiza un ano máis unha dobre sesión formativa dirixida ás persoas profesionais do tempo libre, co fin de concienciar, reflexionar e formar sobre a importancia do ocio inclusivo e centrado nas persoas e así atender as necesidades formativas neste ámbito. Os cursos, de carácter presencial, terán lugar o vindeiro sábado 26 de maio no albergue xuvenil de Gandarío, en Bergondo seguindo unha metodoloxía dinámica e participativa.

A aprendizaxe a as vivencias derivadas da participación nun campamento dependen en grande medida de que as/os profesionais coñezan os recursos e estratexias que permitan dar resposta ás necesidades educativas dos nenos e nenas, empregando técnicas e recursos axeitados ás características das persoas.

Sendo conscientes disto e para tratar de que todos os mozos e mozas que participan na Campaña de verán da Xunta de Galicia poidan vivir a experiencia dos campamentos en igualdade de condicións e oportunidades, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ven de abrir unha convocatoria para que as persoas interesadas poidan formar parte dunha bolsa de monitorado especialista en diversidade funcional, convocatoria na que se terá en conta a formación especializada neste ámbito.

Consulta aquí o programa do curso "¿Son 1 monitor/a inclusivo/a?"

Consulta aquí o programa do curso de especialización en TDAH para profesionais do tempo libre

PRAZAS: Para cada un dos cursos, 25 monitores, monitoras, directores e directoras de tempo libre e de campos de traballo, ou outros/as profesionais do tempo libre con interese en completar a súa formación neste ámbito.

INSCRICIÓN:As persoas interesadas en participar nas accións formativas programadas deberán cubrir este formulario. O prazo para formalizar as inscricións rematará o vindeiro luns 21 de maio. As prazas asignaranse por rigurosa orde de inscrición e segundo a preferencia indicada, en caso de que a persoa estea interesada en ambos cursos (os dous desenvóvense simultaneamente). A obtención de praza dá dereito á comida do día 26 no propio albergue.