Máis de 8.000 persoas participaron desde o venres na 14º edición do Xuventude Galicia Net

12 Mai 2013

Aos preto de 1.000 inscritos na maior party informática de Galicia, súmanse os máis de 7.000 visitantes que se achegaron e tomaron parte nalgunha das actividades abertas ao público

A ampla oferta de conferencias e charlas sobre diversos aspectos relacionados coa tecnoloxía espertaron o interese de moitos visitantes

Entre os obradoiros, situáronse entre os máis valorados os de Arduino, de impresión 3D e de robótica

Na parte lúdica, a xente achegouse a todas as actividades, pero principalmente ao croma e aos obradoiros de ciencia divertida e maquillaxe

Máis de 8.000 persoas participaron desde o pasado venres e ata hoxe na 14ª edición do Xuventude Galicia Net, a maior party informática de Galicia, organizada pola Consellería de Traballo e Benestar.

Aos preto de 1.000 inscritos para participar na festa informática, súmanse os máis de 7.000 visitantes que se achegaron e tomaron parte nalgunha das actividades da zona extranet, que estaba aberta ao público. Polo tanto, o balance desta edición, que estivo centrada especialmente no emprendemento baseado nas novas tecnoloxías, foi “moi positivo”.

Os relatorios foron un dos puntos fortes desta edición. Todos acadaron unha gran participación, e destacaron especialmente o de Pau García-Milá, fundador de EyeOs; a do xogador do baloncesto, Fernando Romay; ou a de Bernardo Reynolds, product manager en Tuenti.

Foron tamén moi seguidas outras conferencias como a de David Bonilla, titulada “Internet é mentira: como emprender na web dando por suposto que (case)todo o que che teñen contado é falso”; a de Jerónimo López que falou do portal de xogos Otogami; ou a de Xavi Gost, que titulou a súa exposición como “Informático seralo ti, eu son programador”.

Xa no que se refire a dentro da intranet, tras unha fin de semana de conexión ininterrompida a 1gb de ancho de banda e de animación en directo, outro dos aspectos a destacar, xa que contaron cunha elevada participación foron os torneos de videoxogos. Os máis numerosos foron os de League of Legends ou Call of duty.

Con respecto á extranet, onde tiveron lugar as actividades ao aire libre, converteuse de novo nesta edición nun punto de encontro entre as distintas xeracións (pais e nais, fillos e fillas e mozos e mozas) arredor das novas tecnoloxías.

Desde o venres os visitantes accederon de xeito constante a todas as actividades. Tiveron unha especial afluencia o croma para tomarse fotografías, e os obradoiros de ciencia divertida e de maquillaxe, que foron especialmente valorados entre os máis cativos.

Nos exteriores do Palacio de Congresos tamén espertou un gran interese o campo de paintball, a tirolina, ou as exhibicións de graffiti.