Voluntariado de acompañamento nos hospitais

03 Nov 2023

O Programa de voluntariado de Acompañamento nos Hospitais e Centros de Saúde, impulsado pola Consellería de Política Social e Xuventude e o Servizo Galego de Saúde, é un proxecto de humanización que consiste na realización por persoas voluntarias de actividades de acompañamento, apoio e información ás persoas usuarias que reciben asistencia sanitaria nalgún centro público, en coordinación coas diferentes xerencias das áreas sanitarias.

Este programa está implantado inicialmente en dúas das sete áreas sanitarias de Galicia: a de Lugo e a de Ourense, que xa contan con proxectos específicos orientados a desenvolver actividades de humanización nos hospitais e centros de saúde implicados.

O obxectivo principal é axudar ás persoas usuarias do sistema público de saúde, que previamente foron atendidas nos puntos de información polo persoal do Sergas, sobre os recursos e servizos existentes no hospital ou centro de saúde e o acompañamento ao destino de ser necesario, así como o enriquecemento persoal das persoas voluntarias que facilitan o benestar persoal das persoas usuarias.

Entre as actividades de voluntariado que se poden levar a cabo dentro do programa atópanse as seguintes:

- Voluntariado de apoio á información, sobre os recursos e servizos existentes no hospital ou centro de saúde co acompañamento a estes.
- Voluntariado social, que implica o acompañamento en programas específicos e actividades lúdicas, de participación social, actividades de apoio e accesibilidade, de integración (conversación, paseo, lectura) desenvolvidas pola área de humanización de cada hospital ou centro de saúde.

Poderá participar calquera persoa maior de idade que, de xeito altruísta e solidario, desexe realizar as actuacións descritas contribuíndo deste xeito, á humanización e benestar das persoas nos centros hospitalarios.

Información e formulario de inscrición