A Xunta de Galicia pon en marcha puntos de información xuvenil nos sete campus universitarios

07 Feb 2022

A Xunta de Galicia, en colaboración coas Universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, impulsará puntos de información xuvenil itinerantes co obxectivo de achegar os recursos, programas e axudas existentes en materia de xuventude aos universitarios galegos. Este novo servizo comezará mañá mesmo e irá emprazándose polas diferentes facultades dos campus galegos ao longo dos vindeiros meses.

Coa finalidade de continuar achegando información á mocidade, o Goberno galego desenvolve esta nova iniciativa, coa que pretende asesorar aos estudantes das tres universidades galegas. Neste punto, tamén se habilitará a activación do Carné Xove, que a Administración autonómica fixo chegar á casa duns 400.000 mozas e mozos.

Na Universidade da Coruña comezará mañá a ofrecerse o servizo. No campus da cidade herculina estará no Edificio Xoana Capdevielle, e no de Ferrol, no de Apoio ao Estudo. Pola súa banda, na Universidade de Santiago tamén empezará a funcionar mañá o punto de información, na facultade de Ciencias da Comunicación da capital galega; e en Lugo, o mércores na facultade de Formación do Profesorado.

Por último, na Universidade de Vigo haberá un punto de información o mércores na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense e na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra. O xoves estará na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo. Estes puntos funcionarán en horario de mañá, de 10.30 a 14.30 horas, un día ao mes en cada campus, salvo na época estival.