Aberto o prazo de inscrición para o programa ‘Imaxina Atlántica’ que achega ás artes á mocidade galega

09 Xul 2012

Trátase dunha actividade organizada pola Consellería de Traballo e Benestar que se desenvolverá na cidade de Santiago desde o 28 de xullo ata o 13 de agosto

Dentro das actividades programadas está a creación dun percorrido turístico alternativo en Santiago a través das artes e no que interveña a mocidade galega

A finalidade desta convocatoria é promover e estimular a creación de artistas dentro dos parámetros da arte actual

O prazo de inscrición estará aberto ata o 15 de xullo e poderán inscribirse mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia entre 18 e 30 anos de idade

O prazo de inscrición para o programa de dinamización artística ‘Imaxina Atlántica: Teatros de pedra’ está aberto ata o 15 de xullo. Trátase dunha actividade organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, que se desenvolverá na cidade de Santiago desde o 28 de xullo ata o 13 de agosto.

Este programa enmárcase dentro do proxecto ‘Imaxina Atlántica: espazo atlántico, territorios creativos innovadores’ aprobado ao abeiro do proxecto ‘Espazo Atlántico’ e no que participan rexións de España, Francia, Reino Unido e Portugal.

Dentro das actividades programadas está a creación dun percorrido turístico alternativo na cidade de Santiago de Compostela a través das artes e no que interveña a mocidade galega. As referencias temáticas son principalmente: dar a coñecer a Europa atlántica; presentar a cultura galega; e recuperar lugares emblemáticos de Santiago de Compostela.

A finalidade desta convocatoria é promover e estimular a creación de artistas dentro dos parámetros da arte actual, unha promoción do intercambio urbano a través dos artistas e os propios espazos cidadáns.

Durante unha estadía continuada de quince días, 24 mozos e mozas, xóvenes creadores, realizarán as súas intervencións en sete prazas da cidade de Santiago de Compostela: Praza de San Fiz, Praza da Oliveira e/ou Sal se podes, Algalia de Abaixo, Praza de San Roque, Praza de San Miguel, Campás de San Xoán e Praza da Inmaculada.

Estas prazas converteranse en distintos teatros, onde poder mostrar ao viandante, con actividades de luz, son ou outras expresións artísticas, os aspectos máis peculiares da cultura galega e tamén doutras partes da Europa Atlántica. Sete prazas serán sete teatros temáticos.

A estancia e intervención creativa comezará o 28 de xullo e rematará cunha actividade multidisciplinar o 12 de agosto polas rúas e prazas de Santiago, coincidindo co Día Internacional da Xuventude. Durante dúas semanas os mozos e mozas galegas levarán a cabo un traballo de investigación, de cooperación e de exposición e divulgación da súa creatividade.

Os obxectivos do programa son crear unha actividade artística relacionada coa xuventude; fomentar un punto de encontro entre mozos e mozas creadores e non creadores pero con inquedanzas artísticas que fagan unha posta en común; crear unha actividade expositiva final por cada unha das disciplinas como promoción do programa en si e ante o público en xeral a través dun percorrido interactivo polas rúas e prazas de Santiago de Compostela.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 15 de xullo e poderán inscribirse mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia entre 18 e 30 anos de idade. As disciplinas artísticas que se van a desenvolver son: arte escénica (teatro, danza e expresión, performance musical); artes (pintura, escultura, grafitti); videoarte e literatura (poesía e relato breve). Na estancia e intervención creativa tamén estarán presentes xóvenes creadores das rexións de Angoulême (Francia), Gales (Reino Unido) e O Porto (Portugal).

O proxecto
As actividades que compoñen o proxecto ‘Imaxina Atlántica’, ademais de seminarios técnicos internacionais, apostan polo intercambio de mozos e mozas profesionais e a creación de circuítos turísticos e culturais. Deste xeito desenvolveuse un programa de estadías para mozos e mozas profesionais nos sectores do espazo virtual: a arte dixital (comunicación audiovisual, publicidade, produción artística e cultural, produción visual, multimedia, patrimonio e turismo aplicado á arte dixital. Estas estadías, nas que participaron 24 mozos e mozas, realizáronse entre os meses de xullo do 2011 e abril do 2012 nas cidades do Porto (Portugal), Bangor (Gales, Reino Unido) e Angoulême (Francia).

Outra actividade enmarcada dentro do proxecto Imaxina Atlántica é un concurso de arte dixital a nivel europeo, aberto a escolas, estudantes, artistas e novos profesionais. A convocatoria está aberta ata o 3 de setembro.

A aposta pola creatividade xuvenil como fórmula previa ao emprendemento é un dos obxectivos da Estratexia Xuventude 2013. As bases da convocatoria para participar nesta actividades están na web xuventude.net, apartado de proxectos europeos, Espazo Atlántico.