E que pasa se non podes ir a clases por mor da COVID-19?

03 Dec 2020

A atención educativa ao alumnado que non poida asistir ao seu centro realizaraa o profesorado de cada área, materia, ámbito ou módulo do centro educativo en que está matriculado e de non ser posible, encargarase o equipo docente ou departamento didáctico correspondente.

No caso de que esa atención educativa non poida realizarse desde o centro educativo será o equipo provincial de atención virtual ao alumnado (AVA) o encargado da atención educativa domiciliaria.

O alumnado autorizado a recibir atención educativa virtual considerarase escolarizado para todos os efectos, polo que as ausencias ao seu centro docente durante ese período de tempo se entenderán todas xustificadas.

O alumnado da etapa de bacharelato que non poida ser atendido polo centro educativo recibirá atención educativa do centro de ensino a distancia IES San Clemente, mediante o traslado provisional de matrícula, mantendo a praza educativa no centro de procedencia.

Equipos AVA, de atención virtual ao alumnado:
En cada provincia constituiranse dous equipos AVA, que se responsabilizarán de realizar a atención educativa ao alumnado que, polas circunstancias indicadas anteriormente, non acuda ao centro educativo, e esta non poida ser prestada polo seu profesorado.
a) Un equipo AVA de educación infantil e primaria, que se encargará da atención do alumnado destas etapas, e que estará integrado por profesionais docentes do corpo de mestres coa debida formación psicopedagóxica.
b) Un equipo AVA para atender o alumnado de educación secundaria obrigatoria e os ámbitos de ciencias aplicadas e comunicación e sociedade de formación profesional básica, que estará integrado por profesionais docentes do corpo de profesores de ensino secundario.

Os equipos AVA estarán integrados por profesionais docentes con acreditada solvencia para desenvolver a atención educativa ao alumnado, a través dos servizos educativos dixitais facilitados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Para máis información o DOG do 3 de decembro e www.edu.xunta.gal