Os mozos e mozas posuídores do carné Xove poden acceder a descontos de ata o 30 por cento para a Xira Galega de Karting

18 Mai 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe en Padrón na presentación da iniciativa privada que percorrerá entre maio e agosto un total de 9 cidades galegas

Rodeiro destacou que este ano adheríronse ao carné xove un total de 179 novos establecementos de Galicia

En 2011, a área autonómica emitiu un total de 29.257 carnés chegando na actualidade ata os 50.574 titulares DESCONTOS

Os mozos e mozas galegos que posúan o carné xove poderán acceder a descontos de ata o 30 por cento para a xira galega de karting, que se celebrará de maio a agosto en 9 cidades galegas.

O responsable da área autonómica participou hoxe en Padrón na presentación desta iniciativa privada que ten como obxectivo ofertar aos mozos e mozas galegas a oportunidade de iniciarse no mundo do motor a través do karting.

Rodeiro destacou que o carné xove xa conta na actualidade con 50.574 titulares e explicou que este ano, ademais, adheríronse a este programa 179 novos establecementos de toda a xeografía galega. En 2011, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado emitiu un total de 29.257 novos carnés.

O responsable da área autonómica indicou que través deste carné, os mozos e mozas poden obter descontos nunha ampla gama de servizos, como transportes, espectáculos, compras, aloxamentos, actividades culturais ou de lecer e tempo libre, tanto na nosa Comunidade autónoma como no resto de rexións españolas e na maioría de países europeos. En concreto, Rodeiro apuntou que a mocidade galega pode acceder aos beneficios que se ofrecen en 40 países europeos nun número de establecementos que rolda os 100.000 en toda España, dos que 2.000 están ubicados en Galicia.

Ademais, os titulares do carné xove poden acceder a descontos en todos os programas e actividades que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, como son os campamentos, Roteiros para a xuventude ou Xuventur.

Neste senso, o director xeral resaltou que ao longo de 2011 efectuáronse descontos do 25% en dez programas da área autonómica e aforros do 6 por cento nos cursos de idiomas no estranxeiro.

Así mesmo, Rodeiro comentou que, como novidade deste ano, a través da web http://xuventude.xunta.es fixéronse sorteos semanais entre os titulares do carné, que permitiron a un total de 35 mozos e mozas, acceder ou participar gratuitamente en actividades como eventos musicais; danza; monólogos; cine; espectáculos; teatro e deportes.

Como obter o carné xove
Os mozos e mozas de 12 a 30 anos, ambos inclusive, interesados en obter este documento de uso persoal e intransferible só teñen que cubrir un impreso de solicitude, acreditando a identidade co DNI ou pasaporte, pagar 6 € mediante o impreso de taxa e achegarse a calquera das oficinas expendedoras do carné xove: servizos de xuventude e voluntariado provinciais; oficinas locais de Ferrol e Pontevedra; Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Santiago de Compostela; as oficinas municipais de información xuvenil; casas da xuventude e algunhas oficinas de Novagaliciabanco.

O carné ten unha vixencia de 2 anos a partir da data de expedición (e sempre sen superar os 30 anos, inclusive) e inclúe un seguro gratuíto.

Ademais, os posuídores do carné xove contan cun seguro de balde que cubre o maior número de continxencias posibles nos desprazamentos para poder facer fronte aos imprevistos que poidan xurdir nas viaxes.

Outros tipos de Carné
Por último, Rodeiro apuntou que a Dirección Xeral de Xuventude a través das súas oficinas expendedoras emitiu outro tipo de carnés como o de alberguista dos que se expediron un total de 1.981, nas súas distintas modalidades (1.372 xuvenil, 522 adulto, 35 grupo, 62 familiar e 1 estranxeiro). Este carné recoñecido internacionalmente é válido para utilizar en todos os albergues nacionais e estranxeiros. Para a súa expedición só é necesario a presentación do DNI ou pasaporte e abonar o seu importe (xuvenil 5€, adulto 12€, grupo 15€ e familiar 24€). Ten unha validez dun ano dende a data de emisión.

Emitíronse tamén un total de 2.302 ISIC (Carné Estudante Internacional), 489 TEACHER (Carné Internacional de Profesor) e 84 FIYTO (Carné Internacional para non estudantes).

O ISIC é o único carné de estudante recoñecido internacionalmente. Cada ano máis de 4,5 millóns de estudantes de 120 países utilízano para aproveitar ofertas de viaxes, compras e museos arredor de todo o mundo

O TEACHER e para profesionais da ensinanza a tempo completo e, pola súa banda, o FYTO está destinado para calquera persoa maior de 12 anos e menor de 26 anos, que non sexa estudante.